O vindeiro sábado, 18 de xaneiro, a escritora Luz Pozo Garza será nomeada filla predilecta de Ribadeo nun acto que se desenvolverán na Casa do Concello ás 12.00 horas. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, fai unha chamada á sociedade ribadense para que acuda a esta homenaxe a unha escritora que é “cume na literatura galega contemporánea”.
O acto contará coa presenza da escritora, quen estará acompañada por familiares e persoas amigas.
BIOGRAFÍA
Luz Pozo Garza naceu en Ribadeo en 1922. Os seus primeiros traballos foron publicados en Las Riberas del Eo, La Noche, Poesía Española, Ínsula ou Vida Gallega. E Dionisio Gamallo Fierros, en palabras da autora, foi o seu mentor. Viviu en Lugo, Marrocos, Viveiro e Vigo. Na cidade olívica desenvolveu unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario. Codirixiu a revista Nordés e promoveu tamén a creación de Clave Orión.
A escritora ribadense é membro da Real Academia Galega desde 1996. Publicou, entre outras, obras poéticas como Ribadeo, Ribadeo; As arpas de Iwerddon; Deter o día cunha flor ou Rosa tántrica. Pozo Garza tamén cultivou o ensaio en obras como Diálogos con Rosalía, Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo ou Tres poetas medievais da ría de Vigo.
Ao longo destes anos recibiu premios como o Miguel González Garcés en 1992, Celanova Casa dos Poetas no 2001, o da Crítica da Poesía Galega no 2009, o Cultura Galega das Letras no 2013, o Laxeiro en 2014 ou o Trasalba en 2019.
No ano 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa.
No informe presentado pola Concellaría de Cultura para propoñer o seu nomeamento como filla predilecta de Ribadeo destácase “a súa incuestionable calidade literaria e a unión sentimental que sempre expresou polo seu concello de nacemento, que menta ademais como un dos motores da súa produción poética”.