O pasado mércores, a sala de conferencias do Centro Comarcal de Mondoñedo acolleu a presentación da quinta edición do coworking Mariña Lucense, na que participaron ducias de persoas.
Na presentación participaron a subdirectora da Oficina Galicia Emprende do Igape, Fany Suárez Mansilla, e a alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, xunto con parte do equipo coordinador do proxecto e participantes nas anteriores edicións. Todos eles contaron as distintas perspectivas e experiencias dentro do programa. A continuación houbo un espazo de café networking para o intercambio de ideas entre os asistentes.
Este programa vén formando a emprendedores da Mariña Lucense desde 2016, o que amosa a súa boa acollida no territorio. Durante estes anos, os proxectos seleccionados recibiron orientación personalizada para poñer en marcha os seus plans de negocio optando por ámbitos de actividade tan diversos como a gandería, a agroalimentación sostible, o deseño téxtil, o turismo activo e a transformación e xeración industrial de produtos básicos, todos eles a partir do aproveitamento e valorización dos recursos do territorio; os servizos tecnolóxicos para a oferta de solucións eficientes e sostibles en sectores diferentes; a saúde, o benestar e o desenvolvemento social e cultural.
62 PLANS DE EMPRENDEMENTO ASESORADOS DESDE 2016
O coworking da Mariña Lucense apoiou desde 2016 un total de 62 plans de emprendemento dos que xa están en marcha máis da metade.
INSCRICIÓN ABERTA
Nesta quinta edición, de febreiro a xuño, os proxectos recibirán a formación necesaria para afondar en distintos aspectos do plan de negocio: obrigas xurídico-fiscais, economía circular, modelo económico, axudas dispoñibles, mercado, clientes ou márketing, utilizando metodoloxías como o Lean Start-up e o Lego Serious Play e cunha orientación totalmente práctica.
Ademais de sesións de networking, o programa inclúe dous tipos de formación. A formación grupal, que tratará semanalmente unha temática específica, e a formación individual, coa que se lle asignarán titorías persoais a cada proxecto cun equipo de expertos asesores para desenvolver todos os aspectos do seu plan de negocio e para, non menos importante, familiarizarse cunha serie de ferramentas que lles servirán de maneira práctica para calquera labor de xestión empresarial.
A inscrición está aberta ata o 31 de xaneiro. Anotan no correo cwmondonedo@eoi.es ou no teléfono 629.08.43.79.