O Concello de Ribadeo vén de dirixirlle unha nova carta a Portos de Galicia sobre a praga de mosquitos ocasionada polo amoreamento de madeira no porto de Mirasol.
No escrito enviado á presidenta do ente portuario, Susana Lenguas, o executivo ribadense ínstaa a que desde o seu departamento realicen as xestións necesarias para que esa madeira sexa retirada do lugar “e que este porto comercial se converta nun lugar de tránsito como se entende debe ser e non nun almacén ou depósito como asemella ser a día de hoxe”.
A hostalería ribadense, que teme que no vindeiro verán, cando cheguen a calor e a humidade, se repita o acontecido hai uns meses con esta praga de mosquitos, foi quen deu a voz de alerta, avisando de que o problema “non está solucionado”. O goberno local asegura que tamén se deron queixas de veciños. “Trátase de traballar no inverno para que no verán poidamos estar tranquilos neste aspecto”, expón.
“Non é moi correcto é utilizar unha superficie marítima comercial como lugar de amoreamento sine die dunha chea de metros cúbicos de madeira para a que ese non é o seu destino, é o transporte; e se non é posible ese non é o lugar para ter acumulado todo ese pau que logo acaba xerando e producindo que millóns de pequenos animais lle fagan a vida imposible a moitos sectores económicos”.