IniciosociedadeAugas multou por alteración do cauce do Fontecova unha corta nunha finca...

Augas multou por alteración do cauce do Fontecova unha corta nunha finca afectada pola crecida do río

A xuíza rebaixa de 900 a 300 euros a sanción imposta pola Xunta a unha viveirense que talou árbores nunha zona de dominio hidráulico sen autorización

Publicada o

- Advertisement -

Unha viveirense, propietaria dunha finca situada na contorna do Fontecova, na parroquia de Santa María de Magazos, terá que pagar 300 euros despois de que o Xulgado do Contencioso número 2 de Lugo rebaixase a multa imposta no 2017 por Augas de Galicia, de 900 euros, por cortar unha acacia caída na zona de servidume do río, talar árbores nun ramal do mencionado caudal, abandoar restos da tala nesa mesma área, realizar obras de ampliación dun antigo camiño e por alteración do cauce.

A sentenza foi publicada o pasado 30 de decembro, máis dun ano despois da vista xudicial, celebrada o 27 de novembro do 2018 –nove días máis tarde de que o Fontecova rebordase ata anegar o barrio de Xunqueira e provocar a morte dunha muller-.

A xuíza considera que a sanción imposta polo ente hidráulico da Xunta de Galicia é excesiva, dado que só se pode obxectivar “proba de cargo suficiente para destruír a presunción de inocencia” en relación co incumprimento “dunha soa” das condicións da autorización expedida por Augas de Galicia, a “tala de árbores en zona de dominio hidráulico sen autorización“, denunciada polos gardas fluviais e admitida pola viveirense.

“NON SE OBXECTIVOU DANO NO DOMINIO PÚBLICO HIDRÁULICO”

Respecto da acacia cortada, a demandante alegara que estaba “caída” no leito do río, un argumento que a maxistrada non cuestiona. Os gardas fluviais de Augas de Galicia pretendían sancionar á demandante por por alteración do cauce do río. A maxistrada resolve neste sentido que “non se obxectivou dano algún para o dominio público hidráulico“, e estima que a multa de 300 euros “é proporcionada ás circunstancias do caso”.

A viveirense defendérase expoñendo que a tala de árbores na marxe do ramal non constituía infracción ao non ter condición de cauce natural, senón de terreo ocupado ao medrar o Fontecova en circustancias puntuais; é dicir, que a tala se produciu nunha finca ou plantación da súa propiedade que fora invadida ao rebordarse o caudal, cuestión que segundo o seu alegato se produciu precisamente pola falta de limpeza do treito.

Neste sentido, a xuíza resolve que, segundo a Lei de Augas, “non ofrece dúbida” a condición de “alveo ou cauce natural da corrente discontinua que ten o ramal litixioso, polo que a tala realizada nas marxes do mesmo supuxo un incumprimento” da autorización de Augas de Galicia.

“Tanto a demandante coma os peritos”, indica a sentenza, “coincidiron en que certamente existía un canal provocado polas crecidas do río ao rebordarse este pola parte máis baixa da finca en casos puntuais de chuvias copiosas, o que casa perfectamente coa definición de cauce contida no precepto citado”.

POLÉMICA VECIÑAL

Ao longo dos últimos anos, veciños e asociacións de Viveiro protestaron polas sancións impostas por Augas de Galicia por executar tarefas de limpeza do río e reclamaron a eliminación dos obstáculos no treito alto do Fontecova, responsabilizando ao ente hidráulico da Xunta de Galicia das riadas de novembro do 2018, cando rebordaron o mencionado río e tamén o Trasposta. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atribuíu as inundacións a “chuvias que pasan cada 500 anos“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...