O Concello de Cervo ultima os preparativos para a terceira edición da Semana de Prevención de Incendios que terá lugar o vindeiro xoves e venres, 23 e 24 de xaneiro, na Praza do Concello e no salón de actos do consistorio.
A actividade foi presentada este mediodía polo alcalde, Alfonso Villares, o edil de Protección Civil, Alfredo Fernández, a concelleira de Educación, Dolores García Caramés, e o responsable do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo, Mario Antuña.
O rexedor explicou que “xa lles remitimos unha carta aos diferentes centros educativos da Mariña Lucense a fin de convidalos a participar nesta iniciativa didáctica, centrada nesta ocasión nos protocolos de evacuación dos centros escolares ante unha emerxencia de incendio”.
MÁIS DE 700 ESCOLARES NAS DÚAS PRIMEIRAS EDICIÓNS
Nestas xornadas programaranse talleres de primeiros auxilios, instalarase a casiña de fume para explicar aos nenos os protocolos a seguir ante unha alerta por lume no centro, impartiranse charlas coas recomendacións a seguir en caso de incendio, proxectaranse vídeos sobre autoprotección escolar, haberá exposicións e simulacros, entre outras actividades.
A iniciativa, que en anos anteriores reuniu a máis de 700 escolares, está promovida un ano máis en colaboración coa Fundación Mapfre e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB).