A Xunta de Galicia apoiou cunha achega de 200.000 euros a posta en marcha en Barreiros do establecemento Rías Altas, que prevé abrir as súas portas a finais de febreiro e será o primeiro hotel de tres estrelas do municipio.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este martes as instalacións da man da promotora, Tamara Rubiños. O proxecto obtivo unha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a través da medida Leader, que foi xestionada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda. A contía da achega acadou o 50% do investimento (algo máis de 400.000 euros). O presidente do GDR, Vidal Martínez-Sierra, estivo tamén na presentación.
O establecemento ofertará 14 habitacións dobres e unha individual e tamén ten restaurante, que xa existía anteriormente xestionado polos pais da promotora e que apostará pola cociña tradicional con produtos locais.
O proxecto incide no respecto polo medio ambiente en aspectos como o uso de envases de xel reutilizables, o emprego de enerxías renovables -como aerotermia para a climatización- ou a aplicación dun plan de xestión de residuos; e tamén aposta polo emprego de elementos naturais no mobiliario e decoración, como madeira e textís de liño e algodón.
550.000 EUROS NOS ÚLTIMOS TRES ANOS
Balseiso destacou que contribuirá a potenciar a oferta turística do concello e lembrou que os GDR impulsan iniciativas produtivas “que favorecen a ampliación e diversificación do tecido económico da zona”, e tamén outras non produtivas, que redundan na mellora dos servizos do medio rural e na calidade de vida dos seus veciños e veciñas.
No caso de Barreiros, o GDR Terras de Miranda apoiou con case 550.000 euros nos tres últimos anos catro iniciativas, tres delas de emprendemento e unha promovida polo Concello para rehabilitar un local social na Rilleira.
Ademais do novo establecemento de aloxamento visitado no día de hoxe, a Xunta apoia unha iniciativa de taller de carpintería metálica en aceiro inoxidable e o proxecto Araucaudia House.
ABERTO O PRAZO DE CONVOCATORIA
O delegado territorial da Xunta na provincia lembrou finalmente que neste intre está aberto o prazo de solicitude de axudas da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, rematando o prazo o 31 de xaneiro.