A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, anunciou que o grupo de goberno levará ao próximo pleno municipal unha moción “para demandar a Portos de Galicia as actuacións de mellora que o peirao vello precisa antes da súa cesión ao concello”.
Nunha reunión que tivo lugar o pasado 17 outubro con Susana Lenguas, presidenta do ente portuario da Xunta de Galicia, a alcaldesa plantexoulle entre outros asuntos a posibilidade de tramitar un convenio para a cesión do peirao vello de Viveiro, no que se atopa un aparcadoiro que ofrece máis de 300 prazas de estacionamento. Daquela, o executivo municipal queixábase de “problemas á hora de aparcar” e tamén no tocante ao mantemento, co pavimento “deteriorado e fochancas”.
Posteriormente, o 5 de decembro, o Partido Popular (PP) presentou no rexistro municipal unha moción sobre a concesión do peirao, que saíu adiante coa abstención do grupo de goberno, xa que consideraba innecesaria a súa aprobación por tratarse dunha cuestión xa proposta e na que se estaba a traballar.
“Xa se advertiu naquel momento que, dende Portos de Galicia, se nos indicaran cales serían as condicións nas que se establecería ese convenio de concesión, destacando que o espazo sería entregado a este Concello no mesmo estado no que se atopa”, explicou Loureiro.
CONDICIÓNS DA PROPOSTA
Efectivamente, o pasado 9 de xaneiro, Portos de Galicia enviou ao concello por correo electrónico unha proposta de convenio para o uso de aparcamento en terreos portuarios.
Visto este borrador de convenio, compróbase que as condicións do mesmo son “claramente desfavorables para o Concello”, que coa sinatura se compromete, entre outras cuestións, a aboar todos os gastos derivados do normal uso e funcionamento das instalacións obxecto do acordo.
A sinatura do convenio tamén suporía asumir o custo da conservación, mantemento, limpeza e, no seu caso, mellora das zonas contempladas e a licitación, contratación e execución das obras necesarias para tal efecto; así como a asumir as tarefas de mantemento de varandas, bordos, papeleiras; de mantemento da rede de alumeado público, así como dos báculos, luminarias e tomas de terra, e de mantemento dos distintos firmes e pavimentos, así como dos sinais de circulación, segundo expón o Concello de Viveiro.
PRECISA “UN INVESTIMENTO CONSIDERABLE”
“Nós xa explicamos en pleno que o antigo peirao do porto de Viveiro precisa dun investimento considerable; indicouse que, por ese motivo, dende o Concello se estaba valorando tanto a posibilidade de asinar un convenio con Portos de Galicia como unha posible reversión por parte de Costas e posterior cesión da titularidade ao Concello, coa finalidade de establecer as condicións de cada unha destas tramitacións e valorar cal sería a mellor opción”, argumenta a alcaldesa.
En vista do paso dado hai uns días polo ente autonómico, o grupo de goberno quere “solicitar a Portos de Galicia que se modifiquen as condicións do convenio proposto para que a entrega a este Concello do antigo peirao do porto de Viveiro se efectúe tras realizar, por parte do ente autonómico, as actuacións de mellora necesarias que o espazo precisa, para que no momento da entrega o espazo se atope en perfectas condicións”.