IniciosociedadeViveiro e Mondoñedo presumen de Semana Santa en Fitur

Viveiro e Mondoñedo presumen de Semana Santa en Fitur

Ribadeo aspira a integrarse nunha Rede de Municipios Indianos do Norte, a fin de conseguir un itinerario europeo para este tipo de celebracións

Publicada o

- Advertisement -

A Semana Santa de Viveiro e maila de Mondoñedo tiveron especial protagonismo este venres na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra en Madrid.

Trala presentación do pasado xoves da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, que promocionou a bisbarra como un xeodestino slow, as dúas grandes celebracións relixiosas na comarca formaron parte do acto organizado pola Xunta de Galicia na feira.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo de manifesto o crecente interese turístico destas celebracións. A Semana Santa de Mondoñedo é unha das sete recoñecidas de Interese a nivel autonómico -coa de Lugo, a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a de Paradela (Meis), a de Betanzos e a de Santiago de Compostela; recoñecidas como de Interese Turístico Internacional, as de Ferrol e Viveiro.

CENTOS DE ANOS DE TRADICIÓN

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, presentou a Semana Santa de Viveiro cun discurso e un vídeo das procesións nocturnas que concitou un elevado interese e impulsa a proxección internacional do evento.

“Falamos dunha celebración con máis de 800 anos de historia, que destaca pola súa tradición, pola riqueza patrimonial da súa imaxinería e a implicación veciñal, ademais da súa propia contorna”, explicou.

“As orixes da nosa Semana Santa remóntanse ao século XIII, coincidindo co asentamento en Viveiro das ordes mendicantes de franciscanos e dominicos, que utilizaron os actos litúrxicos e procesionais para transmitir a mensaxe de forma sinxela para o pobo; estas procesións foron asumidas polas distintas confrarías que se foron constituíndo ao longo dos séculos”, manifestou Loureiro.

“A Semana Santa de Viveiro inclúe quince procesións e varios actos litúrxicos, desde o Venres de Dores ata o Domingo de Resurrección, entre os que destacan o Encontro e o Desencravo, ambos con figuras articuladas, que se representan do mesmo xeito desde a Idade Media”, engadiu.

Pola súa banda, pola Semana Santa mindoniense participaron no acto o campaneiro, Valentín Ínsua, e a rexedora, Elena Candia. Proxectouse un vídeo para mostrar os rasgos característicos da celebración.

A MARIÑA, EN ‘GENTE VIAJERA’ DE ONDA CERO

O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, asistiu tamén á presentación de Turismo de Galicia en Fitur, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tamén estivo presente o edil de turismo de Cervo, David Rodríguez.

Llano deu a coñecer os recursos turísticos da Mariña Lucense en varios foros, como por exemplo en Gente Viajera, que dirixe e presenta en Onda Cero a xornalista Esther Eiros, que é natural da Pastoriza. O programa de viaxes cumpre 30 anos en antena neste 2020.

VIVEIRO BUSCA TURISTAS “DE TODA EUROPA”

A concelleira de Turismo de Viveiro, Mari Sol Rey, mantivo xuntanzas con touroperadores ecomo Tee Travel, especializada no Camiño de Santiago e en rutas en bicicleta; You Travel; os portugueses de VA Tour; TUI Holidays; Arco Travel Millenium ou Irmitours.

“Todos eles manifestaron que Viveiro é un destino moi atractivo e estudarán como integralo nos seus paquetes de viaxes, o que incrementará a chegada de turistas de toda a Europa á vila”, sinalou a edil.

O GDR PROMOCIONA A COMARCA ENTRE OS TOUROPERADORES

O presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda, Vidal Martínez-Sierra López, mantivo reunións con diferentes touroperadores e axencias de viaxes para dar a coñecer a oferta e produtos turísticos do territorio. Wonderbox, Ávoris, TourOfertas, KSPAIN Travel & Leisure e Booking son algúns deles.

RIBADEO BUSCA LAZOS CON OUTROS MUNICIPIOS

O Ribadeo Indiano foi o protagonista das xuntanzas celebradas este venres polo Concello e Acisa. O concelleiro de turismo ribadense, Pablo Vizoso, explicou que “hoxe tivemos xuntanzas con dúas organizacións relacionadas co mundo indiano: a Xarxa de Municipios Indianos de Catalunya e a Rede de Municipios Indianos do Norte. Falamos dos aspectos nos que podemos colaborar e como mellorar a experiencia indiana”, indicou.

Vizoso subliñou que “cando estivéramos en Lloret de Mar xa mantivemos o primeiro contacto coa Xarxa de Municipios de Catalunya, relación que se mantén. E agora imos valorar a posibilidade de integrarnos na Rede de Municipios Indianos do Norte para seguir reforzando o Ribadeo Indiano así como os nosos lazos de unión con estes concellos. Queremos tentar, entre todas estas asociacións e colectivos e outros máis que contan cun importante legado indiano de ultramar, traballar para conseguir un itinerario europeo indiano, como ocorreu no seu día co Camiño de Santiago. Ese sería o obxectivo final”, conclúe.

A DEPUTACIÓN “XA PENSA EN FITUR 2021”

A deputada de turismo do goberno provincial, Pilar García Porto, afirmou que a Deputación “está xa estudando como mellorar a eficacia” da promoción turística da provincia en Fitur. “Foron tres xornadas moi positivas de intenso traballo no escaparate de turismo máis importante do mundo, en base ás que xa estamos a preparar a promoción de cara ao ano que vén”, subliñou. O presidente do ente provincial, José Tomé, tivo ocasión de saudar ao responsable do Goberno, Pedro Sánchez.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...