O consistorio de Viveiro acollerá o vindeiro xoves a presentación de Referentes Galegas, unha iniciativa da asociación Executivas de Galicia para darlle visibilidade ao traballo das mulleres que son referentes no seu ámbito profesional.
O acto será na sala multiusos da casa do concello ás 18.00 horas e reunirá a diferentes autoridades e público xeral, que poderán escoitar a experiencia de mulleres referentes de distintos sectores.
Actualmente, son xa máis de 250 mulleres as que forman parte desta gran base de datos. “Unha iniciativa moi necesaria para dar novos pasos cara unha igualdade real na nosa sociedade”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
A mesa de presentación de Executivas de Galicia contará coa participación de Carla Reyes Uschinsky, presidenta da agrupación, e Verónica Teijeiro, consultora financeira e socia do colectivo.
A continuación, presentarase a mesa ‘Referentes Galegas’ na que participarán Lida Enrich, coordinadora do proxecto; Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da área de Tecnoloxía dos Alimentos; Patricia Argerey Vilar, directora da Axencia Galega de Innovación, e Raquel Atadell, directora da sucursal Caixabank de Viveiro.
A rexedora abrirá o acto, dando paso á subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López. Tamén intervirá a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella.