O BNG de Cervo emitiu un comunicado de prensa a través do que anunciou o seu voto en contra á proposta de orzamentos para 2020 que o Concello levará a pleno o vindeiro xoves.
Os edís nacionalistas, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, aseguran que as contas municipais “veñen a confirmar o que vimos dicindo desde fai tempo: o Partido Popular (PP) non ten proxecto para Cervo, e o seu único obxectivo é aferrarse ao poder cun uso claramente partidista dos recursos e ferramentas que o goberno municipal pon ao seu dispor”.
A formación frontista xustifican a súa decisión “no continuísmo, na falta de iniciativa, na opacidade orzamentaria e o desmesurado gasto en propaganda e especialmente, no uso electoralista e en beneficio persoal dos recursos públicos”.
“Cando o custe anual do grupo de goberno, xunto coas partidas económicas opacas e para gastos de propaganda superan a previsión de gasto en obras e investimento en servizos públicos, algo falla. Non parece normal que un goberno, cos anos que leva exercendo o PP en Cervo, sexa incapaz de prever en que vai gastar máis de 200.000 euros que figuran no orzamento en diferentes capítulos coa denominación de outros gastos diversos“, remarca Fernández, que xulga que “ou non saben que facer, ou tratan de enganar á oposición creando un inmenso caixón de xastre para gastar arbitrariamente no que lle conveña ao Partido Popular”.
O GASTO NO EXECUTIVO “NON É ASUMIBLE PARA CERVO”
“Os salarios e as indemnizacións do grupo de goberno, e persoal de confianza, que superará os 170.000 euros ao ano, non son asumíbeis nun concello das dimensións e orzamento de Cervo, como tampouco o é o enorme gasto en propaganda que ano tras ano serve ao alcalde e ao seu grupo de goberno para financiar con recursos públicos as persoas e o partido”, afirma.
Os nacionalistas conclúen que “os 360.000 euros que aparecen no orzamento como gasto de propaganda, ou con denominacións opacas, estarían moito mellor investidos en ampliar as redes de saneamento na zona rural, ou en dinamizar economicamente o concello, que no gasto innecesario e arbitrario ao que vai dedicar o goberno do PP eses recursos”.