Son típicos de países como Islandia ou Estados Unidos, pero tamén poden verse na Mariña Lucense. A sección O Tempo da Televisión de Galicia (TVG) amosou o pasado mércores a espectacularidade do géyser da praia de Ril de Burela, documentado xa noutras ocasións.
O vídeo de Francisco Javier Cuba captou o sifón de auga do areal burelao na súa máxima expresión. Non deixa de ser un fenómeno sorprendente por moito que para a xente de Burela, e tamén para aquela que gusta de camiñar polo paseo marítimo do municipio, sexa “familiar”, tanto que ten nome propio: segundo precisa unha usuaria de Facebook, o géyser de Ril é coñecido popularmente como “O Xiringote“.