O primeiro Torneo Internacional de cata de cafés de profesionais, que se sumará á oitava edición do concurso para estudantes e do Campionato Internacional de Baristas profesionais e á décimo terceira edición deste certame para escolas de hostalería, que se celebrará en Foz durante os días 12 e 14 de febreiro.
O organizador do evento, José Ríos, o concelleiro de educación de Foz, Héctor Moris, o director o IES focego, Nicolás Asensio, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, participaron este venres na presentación do programa.
Ademais dos concursos, o xoves haberá unha charla sobre ‘O café, un método, un cocktail‘, a cargo de Willy Gómez de Astro, de Café Roasters.
O venres, será o inxeñeiro agrónomo Juan Rodríguez Urquía quen fale sobre o cultivo biotecnolóxico da planta. Ademais, os xoves e venres, en horario matinal, haberá degustación gratuíta de café.
RENOVACIÓN DO SALÓN DE ACTOS
Ademais da introdución da nova modalidade de concurso de catas para profesionais, a outra gran novidade do programa, segundo remarcou a Xunta, é a recuperación do salón de actos como escenario principal dos campionatos. O Goberno autonómico acometeu a reforma integral deste espazo, incrementando o aforo de 120 a 154 prazas, e mellorando a acústica, illamento, chan e pintura, butacas, escenario e equipos de iluminación, audio e vídeo, entre outros elementos. Tamén se realizaron traballos para suprimir barreiras arquitectónicas, integrar os aseos, pechar ocos nas fachadas, e outros de fontanería, saneamento e calefacción. O investimento alcanzou os 153.000 euros.