Galicia, e en concreto a provincia de Lugo, será o territorio máis afectado en España polo abandono de terras agrícolas de aquí ao ano 2030. As catro provincias galegas sitúanse entre as cinco que máis porcentaxe de terreo agrícola perderán, coa lucense á cabeza (44,2%) segundo datos dun estudo de investigadores do Centro Común de Investigación (Joint Research Centre – JRC) da Comisión Europea e do Departamento de Enxeñería Cartográfica, Xeodesia e Fotogrametría da Universidade Politécnica de Valencia.
En conxunto, os científicos estiman que en 2030 haberá en toda España aproximadamente 23 millóns de hectáreas de terra agrícola en risco potencial de abandono. No caso de Galicia, a investigación sinala diferentes circunstancias para as altas taxas de risco de abandono debido á “súa topografía montañosa, a súa posición periférica, o predominio de granxas familiares a pequena escala, a fragmentación da propiedade, a difícil mecanización, o risco de incendios forestais, a intensificación da agricultura e a súa declaración como zona desfavorecida na Directiva 75/268/CEE do Consello da Unión Europea”.
Máis detalladamente, apuntan que “as limitacións naturais importantes para a agricultura, debido á súa orografía (principalmente o Macizo Galaico), xunto con factores socioeconómicos e de estrutura agraria desfavorables, tamén son causas importantes do aumento do risco de abandono agrícola en moitas áreas da Coruña, Lugo e Ourense”. Podes ler a reportaxe completa de Alberto Quián no Galicia Confidencial.