O PP de Ribadeo defenderá no vindeiro pleno o arranxo do pavimento da A-8 e a creación de dous novos accesos dende esta vía á capital municipal. Así mesmo, dende o Grupo Municipal do PP reclaman a mellora da estrada municipal dos Garitos e a mellora do alumeado na parroquia de Couxela segundo avanza o voceiro dos conservadores, Daniel Vega.
O popular sinala que “o pavimento da autovía A-8 ao seu paso polo municipio ribadense está desfeito” e, polo tanto, “o que queremos, a través da moción que presentamos, é que a corporación ribadense acorde solicitarlle ao Goberno do Estado investimentos que permitan mellorar e manter en boas condicións o seu pavimento”. Así mesmo, solicitan o segundo acceso dende a A-8 á vila de Ribadeo e unha entrada dende a variante de Ribadeo á estrada LU-P5207 de titularidade provincial e coñecida como estrada de Vilela. Deste xeito, “evitaríase gran parte do tráfico rodado de alta tonelaxe que, actualmente, está facendo uso da estrada municipal coñecida como a estrada dos Garitos”.
MELLORA DA ESTRADA DOS GARITOS
A través doutra moción, o grupo municipal do PP propón o arranxo e acondicionamento desta estrada que da servizo a algunhas vivendas e industrias e que é empregada por moitos peóns para acceder á zona comercial; pero que “leva 16 anos abandonada polo goberno de Fernando Suárez a pesar das reclamacións dos veciños”, segundo sinala o voceiro.
Vega recorda que “a estrada non conta con beirarrúas en ningunha das súas marxes e a iluminación é, practicamente, inexistente”. Polo tanto, “ante a gran cantidade de tráfico de alta tonelaxe que foi uso da estrada dos garitos, faise necesaria a súa pavimentación e o seu ensanchado para dotala de beirarrúas, mobiliario urbano e iluminación”.
RENOVACIÓN DO ALUMEADO DE COUXELA
Para os populares, o alumeado da parroquia de Couxela tamén se atopa “totalmente abandonado”. É por iso polo que esixen ao goberno local a través doutra moción que inicie os trámites para a revisión e renovación dos puntos de luz e para que instale novos puntos de luz onde sexa necesario empregando materiais de baixo consumo e de alta eficiencia lumínica”.