IniciosociedadeO bonito de Burela loce en Xantar, que o sábado probará a...

O bonito de Burela loce en Xantar, que o sábado probará a pescada de Celeiro e o Pan dos Apóstolos

Varios municipios da bisbarra teñen stands e programarán degustacións na feira internacional que se celebra en Ourense

Publicada o

- Advertisement -

O bonito de Burela brillou este venres cunha degustación en Xantar 2020, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra desde o pasado mércores en Ourense. Uns 55 veciños do municipio achegáronse ao evento nun atobús que puxo o Concello.

O alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, asistiron á cita. O municipio burelao contou cun stand no que promocionou a pesca da frota burelá e tamén os recursos turísticos do municipio.

No Día do Mar, o rexedor fixo unha exposición pública da actividade pesqueira en Burela, especialmente no tocante ás súas artes selectivas, como o pincho ou o curricán, e facendo referencia a especies como a pescada ou o bonito, co engadido da Feira dedicada a este produto e declarada de Interese Turístico Nacional. Os asistentes poideron degustar o túnido en empanada e salpicón.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, dixo que “este tipo de feiras dannos a coñecer en toda Galicia e incluso en Portugal, de onde había moita presenza. A degustación foi un éxito, tivemos moita xente e incluso recibimos a visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana”.

VIVEIRO OFRECERÁ 300 RACIÓNS DO SEU PRODUTO ESTRELA

Despois do protagonismo para Burela o venres, o sábado, o Concello de Viveiro, ás 13.00 horas, ofrecerase unha degustación gratuíta dunhas 300 racións de dous produtos gastronómicos vinculados a dúas das festas viveirense con declaración de interese turístico: a merluza/pescada do pincho (cociñada en empanada e salpicón) e o Pan dos Apóstolos (doce típico de Semana Santa). Antes do inicio da degustación, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, realizará unha intervención para presentar o municipio a todos os asistentes.

Desde o mércores, Viveiro tamén conta cun stand propio, no que durante os días da feira se difundirá o material de promoción turística do Concello e os folletos remitidos, para este fin, polos establecementos hostaleiros do municipio, ademais de diversos elementos procesionais facilitados pola Xunta de Cofradías da Semana Santa. A concelleira de Turismo, Marisol Rey, mantivo reunións con varios touroperadores.

FUCIÑO DO PORCO E COVAS DO REI CINTOLO, A UNIÓN FAI A FORZA

O Concello de Mondoñedo e mailo do Vicedo promocionarán en conxunto dous recursos como a Cova do Rei Cintolo e Fuciño do Porco, “entrada á terra” e “entrada ao mar”. A rexedora mindoniense, Elena Candia, e o alcalde vicedense, Suso Novo, estiveron tamén presentes na feira.

Posto de Mondoñedo e O Vicedo. AXM

A FABA DE LOURENZÁ, PRESENTE

A Cooperativa Terras de Miranda realizará ata domingo promoción da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, así como da variedade verdina.

Posto da Cooperativa Terras da Mariña. AXM

DEPUTACIÓN

A Deputación de Lugo promove a provincia de Lugo e os seus produtos gastronómicos entre os centos de persoas que participan en Xantar, pois conta cun espazo propio durante os cinco días que dura o evento. No stand da Deputación ofreceranse degustacións de alimentos típicos lucenses, como viño da Ribeira Sacra, embutidos de Porco Celta e galletas da Veiga. Ademais, ofrece material divulgativo con folletos promocionais dos concellos lucenses, das Denominacións de Orixe, e tamén das tres Reservas da Biosfera da provincia.

XUNTA

No que atinxe á Xunta de Galicia, no caso da Consellería de Turismo, hai un expositor propio de 24m² para promover a imaxe de Galicia e así reforzar a promoción e consolidación dos produtos turísticos na nosa Comunidade, entre os que salienta o turismo gastronómico.

Representantes de Xunta e Deputación en Xantar. AXM

A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, conta cun posto onde están presentes 14 entidades agroalimentarias e no que se desenvolve un amplo programa de actividades e eventos nos que se poden coñecer e degustar produtos galegos con selos de calidade como o mel, carnes, augardentes, produtos ecolóxicos, pan, patacas, grelos, queixos e castañas. Tamén se promociona a marca de garantía Galega 100%, que distingue ao leite de calidade diferenciada producido en Galicia, cun espazo expositivo propio.

Pola súa parte, a Consellería do Mar está presente neste certame cun posto de 48 metros cadrados para enxalzar a variedade e calidade dos produtos que ofrece o mar de Galicia. Con ese obxectivo tamén se celebran numerosas degustacións de receitas elaboradas por relevantes cociñeiros da gastronomía galega coas que dar a coñecer as especiais características dos peixes e mariscos galegos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...