O centro de acollida María Nazarena, da obra social impulsada polas Fillas do Divino Celo-Rogacionistas desde o ano 2008 en Burela, obtivo o certificado de calidade ISO 9001:2015.
Este recurso especializado que dá acollida a mulleres con fillos ao seu cargo, que se atopan en situación de vulnerabilidade e emerxencia social, creouse ao detectar que neste tipo de casos non existía en Galicia ningún centro orientado ás familias, onde os pequenos menores puidesen ser acollidos xunto ás súas nais, en unidades familiares independentes para favorecer a autonomía e a convivencia familiar.
Con este distintivo o Centro María Nazarena é un do poucos da súa tipoloxía que obtén unha certificación de calidade na prestación dos seus servizos.
Durante o ano 2019 o centro acolleu a cinco familias que foron derivadas polos servizos sociais municipais ou autonómicos por presentar situacións de violencia de xénero ou desafiuzamentos, por exemplo.