O municipio de Foz deu a benvida ao Entroido a pasada fin de semana nunha gala de coroación do Carnaval que reuniu na sala Bahía e na carpa anexa, de 1.400 metros cadrados, a máis dun milleiro de persoas. O coroamento de Andrea García Mondelo, elixida -como novidade desta edición- nun concurso no que o voto do xurado pesou un 60% e o da veciñanza un 40%, que toma o relevo de Sabela Pico, foi a primeira gran festa dun programa que se estende ata o venres 28 de febreiro, cando se celebrará a Queima que porá o broche de ouro aos festexos, impulsados polo Concello e a agrupación O Noso Foz.
FESTA ATA O 28 DE FEBREIRO
A seguinte cita do Entroido focego, que na súa actual celebración cumpre 39 anos, será o día 20, coa habitual cea-baile de comadres, organizada pola Asociación de Amas de Casa, pero ao longo de todo o mes pode admirarse no Cenima unha exposición dedicada á Peña Éche o Que Hai. Esta agrupación será a encargada do pregón, previsto para o venres 21, ás 20.00 horas na Sala Bahía. Será o preludio do concurso de coplas, ás 20.30, no que os focegos deixarán constancia das súas habilidades artísticas e da súa retranca.
O SÁBADO 22, O DESFILE
O sábado 22 será o día grande, cun desfile de Entroido (desde as 17.00 horas) que repartirá máis de 7.000 euros en premios. Trala chocolatada, ás 23.30 horas haberá baile na Sala Bahía coas orquestras Essencia e Charlestón.
Os pícaros serán os protagonistas do domingo 23, con baile infantil co Show das Pamisuky, actuación do mago Benxamín e inchables (desde as 17.00 horas, na Sala Bahía). As crianzas tamén serán os principais destinatarios das actividades programadas o día 25.
A QUEIMA PECHARÁ OS FESTEXOS
O día 23 será tamén a quenda do Touporroutou da Pomba do Arco, co seu mordaz repaso á actualidade global e municipal. O luns 24 celebrarase o Día do Entroido, coa festa nocturna e o elegante e tradicional baile do Farolillo.
A comitiva fúnebre da Queima do Entroido, que sairá do Campo da Cabana, porá fin a tres semanas de desfrute, humor e catarse colectiva.