EFE. Axentes da Garda Civil, do Seprona e de Seguridade Cidadá interviñeron o pasado xoves no municipio lucense de Ourol uns 2.000 quilos de patacas supostamente procedentes da zona en corentena para erradicar a praga da couza guatemalteca.
Segundo informou a propia Garda Civil a EFE, esa mercancía foi detectada, precisamente, no marco das inspeccións que se están levando a cabo, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, para controlar a praga da couza.
As patacas estaban envasadas en sacos e no interior de varios camións, polo que os axentes da Garda Civil incautaron de forma cautelar a mercancía e trasladárona a un almacén da Xunta de Galicia en Viveiro, para que a Consellería de Medio Rural se faga cargo da mesma.
Tamén queda por determinar a orixe da mercancía e as responsabilidades nas que poideron incorrer quenes estaban á fronte deste cargamento se finalmente se demostra que as patacas procedían da zona en corentena da Mariña Lucense.
PERMITIDO O CULTIVO DESDE XANEIRO
A Xunta de Galicia levantara a prohibición de cultivar pataca en Ourol o pasado día 17 de xaneiro, despois de non observarse ningún caso de couza guatemalteca en dous anos. O municipio ourolés pasou así á zona tampón, na que se permite plantar o tubérculo cunha vixilancia especial.