A veciñanza da plataforma Pro-Celeiro emitiu un comunicado no que valorou que Augas de Galicia “estea a cumprir os prazos anunciados na reunión mantida con nós en setembro do 2019 con respecto ás obras de mellora da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Viveiro“, pero reclamou o “inmediato” inicio das actuacións ante os problemas de vertidos de augas fecais á ría.
As obras, precisa o colectivo, “acaban de ser adxudicadas a Espina y Delfín S. L. cun prazo de execución de 18 meses. Falta saber a data prevista para o inicio dos traballos; confiamos que sexa de inmediato, porque o emisario roto na dársena de Celeiro semella que vai seguir igual durante anos, e o mínimo que reclamamos é que os vertidos á ría saian depurados“, expón a agrupación. Así, remarca que seguirá “atenta aos prazos”. A finais do pasado mes de outubro, a Xunta de Galicia comprometeu o inicio para “verán de 2020”.
Sobre a retirada do emisario, o colectivo pregunta se Patrimonio deu o “visto bo” para “seguir adiante cos trámites de cara á súa retirada”.
DENUNCIA O “ABANDONO” NA RÚA DO PORTO
No seu comunicado, a plataforma lamenta que Celeiro “segue a estar abandoado malia a puxanza do seu peirao pesqueiro”. Deste xeito, enumera carencias “á vista de todo o mundo”, coma na Rúa do Porto, que “dende a entrada á vila pola avenida Ramón Canosa ate o muelle do Puntal, encadea problemas e anomalías: o asfalto abombado polo peso dos camións que transportan pedra, as liñas da calzada e pasos de peóns sen pintar, aparcamentos sen delimitar, os muros da praia sen pintura, a rampa de acceso á praia desfacéndose e mesturándose coa area e un longo etcétera que evidencia dende hai anos a necesidade dunha intervención integral nesta zona de Portos de Galicia, a máis esquecida e degradada da localidade”.
Pro-Celeiro anuncia que “rexistrará estas demandas” ante o ente portuario da Xunta de Galicia, “responsable desta situación de deterioro e do seu mantemento en condicións dignas”.
PISTA DA CASA DA XUVENTUDE
Por outra banda, o Concello de Viveiro demandou á Xunta de Galicia que “adecente de forma urxente” a pista deportiva da Casa da Xuventude, “en moi mal estado actualmente”.
En concreto, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, enviou sendas cartas ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo e á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta, en Santiago, demandando unha actuación neste espazo.
“Falamos dunha instalación na que lamentablemente non se permite xogar e que se atopa nun estado deplorable; por ese motivo é polo que se lle solicita que se adopten as medidas oportunas para adecentar este espazo, que se atopa situado no casco histórico de Viveiro, ao lado da Igrexa de San Francisco”, advirte a rexedora nos escritos.