A vila de San Cibrao celebrará a vixésimo sétima edición da Festa do Mexillón o sábado 29 de febreiro. Oito establecementos da vila ofrecerán tapas, ao longo de todo o día, que terán como denominador común o molusco bivalvo, en todas as súas variedades e en múltiples combinacións e receitas: en empanada, croquetas, ao vapor, en vinagreta, en pizza ou en paté, entre outras preparacións. Cada local ofrecerá catro posibilidades.
O edil de turismo de Cervo, David Rodríguez, e a concelleira de cultura, Dolores García Caramés, presentaron a festa cunha representación dos hostaleiros de San Cibrao.
Participarán O Noso Lar, Nordesía, Las Titas, O Pulgas, O Faro, Maruxaina, O Trasgo e a Bodega. Ademais editáronse folletos informativos nos que se especifican algunhas das variedades que se poderán saborear en cada un dos locais.
UNHA FESTA QUE “DINAMIZA” A VILA
Rodríguez e Caramés precisaron que “festas gastronómicas como esta contribúen a dinamizar as nosas vilas, e son sempre un reclamo moi importante tamén á hora de atraer visitantes á vila, ofrecendo un produto do mar, moi noso, saboroso, e versátil na cociña”.