IniciosociedadeXunta, Deputación e Concello perfilan o convenio das obras para evitar inundacións...

Xunta, Deputación e Concello perfilan o convenio das obras para evitar inundacións en Xunqueira

Balseiro acusa ao goberno municipal de sentar á mesa "sen unha proposta" para cofinanciar as actuacións, e Loureiro repróchalle as críticas "cando estivo na reunión 20 minutos"

Publicada o

- Advertisement -

Concello de Viveiro, Deputación de Lugo e Augas de Galicia reuníronse este martes na sé da Xunta de Galicia en Lugo para afondar no convenio para financiar as obras a realizar no barrio de Xunqueira, a fin de evitar inundacións como a que se produciu en novembro de 2018, cando o río Fontecova medrou ata anegar ducias de vivendas, acabando coa vida dunha veciña.

Na xuntanza estivo presente a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ademais da rexedora, María Loureiro e representantes da Deputación de Lugo.

As tres administracións, segundo expuxo a alcaldesa asinarán un convenio para a redacción do proxecto e para a execución das obras, toda vez que finalmente o goberno local se decidiu pola proposta -das tres que ofreceu o ente hidráulico da Xunta- máis valorada e considerada máis segura polos técnicos. O orzamento inicial proposto ascendía a 500.000 euros, aínda que as actuacións requerirán probablemente dun maior investimento.

Loureiro cualificou a “reunión de traballo”, solicitada polo executivo municipal, de “frutífera”, e sinalou que “afondamos nos criterios para a realización do convenio, dun acordo de compromiso primeiro para a redacción do proxecto e posteriormente para executar as obras”, indicou a rexedora, que agarda “axilizar os prazos o antes posible, dentro de que falamos de cuestións estipuladas pola normativa. Agora imos traballar cun modelo como marco de referencia que nos vai facilitar Augas de Galicia”, indicou.

A XUNTA DI QUE O CONCELLO “IMPIDE IR AO RITMO DESEXADO”

A Xunta mostrouse crítica coa actitude do goberno municipal de Viveiro, ao que acusa de “impedir avanzar ao ritmo desexado” na aplicación de medidas, pois “non achegou na mesa a proposta de convenio para financiar e acometer as obras nesta zona de alto risco de inundacións. O executivo local veu coas mans baleiras“, afirmou o delegado territorial nun comunicado.

Balseiro reiterou que a Xunta “conta cunha partida consignada a este fin nos orzamentos para 2020 e trasladou o seu desexo de que que, tal e como se comprometeu a facer, o Concello concrete un compromiso similar por parte súa e da Deputación de Lugo, tendo en conta que se trata de actuacións de competencia municipal”, insistiu.

O CONCELLO ACUSA A BALSEIRO DE “DESLEALDADE INSTITUCIONAL”

Loureiro amosou a súa “sorpresa” polas críticas de Balseiro, que “estivo apenas vinte minutos na reunión e marchou“.

“O Concello de Viveiro non foi coas mans baleiras como afirma o señor Balseiro, mostra disto é o resultado da reunión, na que se determinou exactamente as actuacións a incluír no futuro convenio e o seu concreto contido; non era obxecto desa reunión que este concello levara ningún borrador, pois, como dixen, estaba pendente de determinar o alcance do mesmo”, engade.

A alcaldesa afirma que “o señor Balseiro asegura que a Xunta de Galicia ten consignada unha partida para a redacción dos proxectos técnicos das obras no orzamento de 2020. Non sei que é realmente o que pode ter orzamentado, por que aínda no día de onte se descoñecía cal podería ser o custe do proxecto; custe que, por certo, se acordou tamén no día de onte financiar entre as tres administracións”, concluíu.

Así, Loureiro reprochoulle ao delegado territorial as “mentiras” e a “falta de lealdade” institucional.

PROTESTAS DOS VECIÑOS POLA PONTE MEDIEVAL

No tocante ás protestas anunciadas pola veciñanza de Xunqueira, que insta a manter a ponte medieval que se pretende eliminar para construír unha nova e abrir paso ao río, Loureiro asegurou que o Concello “priorizou a seguridade e elixiu a valorada como máis segura. O período de retorno é de 25 anos, e pensamos que é o que nos toca e o máis responsable como representantes públicos”, afirmou.

Os veciños aseguran que en décadas apenas viron atascarse a ponte “unha ou dúas veces” e reclaman a súa conservación, coa inclusión dun novo arco se é preciso.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...