A comisión do Entroido de Ribadeo e mailo Concello presentaron o programa do Carnaval deste ano no municipio, que comezará o 20 de febreiro co pregón e o Xoves de Comadres. O evento estará centrado nos “felices” anos 20 e a organización convida á veciñanza a disfrazarse desa época. Outra das novidades é a recuperación das mascaritas.
Javier Rivera Ponte, xornalista de El Progreso, será o pregoeiro desta edición. O día 23 será o Domingo Lardeiro, coa comparsa da cocha e a concentración de mascaritas. O 24 será o Luns Fareleiro, coa cea de Entroido e o baile infantil de disfraces.
Para o martes queda o desfile, desde o consistorio a partir das 17.00 horas. Na categoría de adultos, haberá premios para comparsas e charangas de ata 500 euros, para carrozas de ata 400, para grupos dun máximo de 300, con 200 para a parella gañadora e 150 para o disfrace individual.
En infantil, haberá concurso de grupos (con 200 euros para o gañador), parellas (con 150 euros para a primeira clasificada) e individuais (100 euros). Anotan no teléfono 689.72.63.51 e tamén, o día do desfile, de 14.00 a 16.45 horas no Concello. As dez primeiras comparsas en inscribirse recibirán unha achega de 100 euros.
O sábado porá o broche de ouro ao Entroido, coa Queima. A comitiva fúnebre sairá ás 21.00 horas do Cantón dos Moreno.