A asociación Nordés anunciou este mércores que a terceira edición da xornada Alernativas no Rural celebrarase o sábado 29 de febreiro na escola unitaria do Folgueiro, no Vicedo. A cita trata de visibilizar opcións de vida na zona da Serra da Faladora.
Se na primeira edición falouse das alternativas de emprego nas actividades económicas primarias -agricultura ecolóxica, aproveitamento forestal- e na segunda das comunidades de montes, desta volta a temática central será o sector servizos. O colectivo amosará iniciativas que “poderían desenvolverse nun entorno máis urbano, pero por moitas razóns decidiron implantalas aquí, na nosa zona. Exploraremos os motivos da elección, coñeceremos a fondo os seus proxectos, debatiremos sobre os cambios e tipos de vida no rural e, por tanto, veremos que é posible saír adiante nunha contorna como a nosa”, indicou.
Participarán no encontro, desde as 11.00 horas, Alba Guijarro, de Eureka Actividades (animación sociocultural); Noa Orizales, de Contidos Dixitais (creación de plataformas online para empresas); Claudia Frantzen, de Hidden Galicia (alugueiro de casas e pisos) e Uxío Rodríguez de Viveiro Surf Escola. Pola mañá presentaranse estas iniciativas e desde as 16.30 horas haberá un debate aberto sobre as oportunidades de vivir no rural.
Ás 14.30 horas será a comida, no Restaurante Area Grande da praia de San Román (15 euros por persoa). O menú será de empanada de atún (masa follada e masa de pan), mexilóns, pote mariñeiro, postres caseiros/tarta xeada, café e bebidas. Os interesados en inscribirse poden facerse ata o mércores 26 no teléfono 653.75.64.54 (Ricardo) ou no mail asociacion.nordes@gmail.com.