O Concello de Viveiro deu a coñecer os integrantes do xurado que dedicirá os gañadores no desfile de Entroido, que se celebrará o martes de Carnaval, 25 de febreiro. Unha deseñadora, unha modista, unha profesora de danza, un decorador e unha pintora serán os encargados de avaliar os disfraces que se presenten ao concurso.
Serán a deseñadora mindoniense e afincada en Foz Remedios Espantoso, Medalla de ouro dos RRCC Foro Europa 2001 e Premio Internazionale d´Arte Fundazione Costanza; a modista María Dolores Polo Casal; a profesora de danza Elsa Palacios, coreógrafa en Chasé; o decorador Jesús Atadell, dono das tendas Chipe; e a pintora Oliva Díaz Mejuto. A presentadora do certame, a actriz barreirense Estíbaliz Veiga, será a substituta, no caso de non comparecer algún membro do xurado. Rosario Águeda Basanta será a secretaria en representanción do goberno local, sen dereito a voto.
O Concello amosou a súa intención de configurar un xurado con persoas profesionais de sectores como a moda, o deseño ou a arte, coa intención de que o veredicto sexa “o máis xusto posible” para os participantes. A organización repartirá algo máis de 5.500 euros en premios no concurso.
CORTES DE TRÁFICO
O desfile sairá da extensión da Variante ás 17.30 horas, discorrendo a continuación pola avenida de Ferrol, Navia Castrillón, Praza de Lugo e Travesía da Mariña, ata chegar á Porta de Carlos V. Haberá cortes de tráfico nas vías indicadas, que irán abríndose segundo discorra o desfile, cunha duración estimada entre dúas e tres horas.
Ademais, vaise prohibir o estacionamento -ata finalización do desfile- a partir das 20.00 horas do luns 24 de febreiro na marxe dereita da Travesía da Mariña, nas zonas de carga e descarga e nas paradas de bus, con excepción das prazas de aparcamento habilitadas para persoas con mobilidade reducida.