InicioEconomíaAdif atribúe ao clima e á orografía os tres descarrilamentos nos últimos...

Adif atribúe ao clima e á orografía os tres descarrilamentos nos últimos sete meses na liña Ferrol-Ribadeo

A liña quedou restablecida trala retirada do convoi que saíu da vía no Barqueiro por un desprendemento; a operadora nega "falta de mantemento", da que se queixan os usuarios

Publicada o

- Advertisement -

A circulación do tren de ancho métrico FerrolRibadeo quedou restituída este venres, ás 20.38 horas, no treito Ortigueira-Ribadeo-Ortigueira, segundo informaron os servizos de atención ao cliente de Adif, despois do descarrilamento dun convoi no Barqueiro a última hora da tarde do pasado mércores, deixando tres feridos leves.

Os operarios de Adif traballaron desde o pasado xoves para encarrilar o tren e sacalo do trazado, traballos que resultaron complexos dado que un vagón quedou encaixonado no piar dunha ponte. Para retiralo foi necesaria a axuda dunha máquina propulsada. Unha vez trasladado o vagón foi preciso reparar a vía, con danos nas travesas.

O descarrilamento do tren produciuse, segundo expuxo Adif, por un desprendemento de terras que aconteceu no punto quilométrico 67/544 da vía, á altura da piscina municipal do Barqueiro. Trátase da terceira vez que un ferrocarril de ancho métrico da liña Ferrol-Ribadeo se sae da vía por esta causa nun prazo de sete meses.

En agosto do pasado ano, un tren no que viaxaban 17 pasaxeiros descarrilou en Celeiro por mor dun desprendemento de terra e pedras de gran tamaño. Todos os viaxeiros resultaron ilesos.

Meses despois, en novembro, outro convoi de Feve con dez pasaxeiros descarrilou en Cerdido, tamén sen ter que lamentar danos persoais.

ADIF TRABALLA “INTENSAMENTE” NO COIDADO DA INFRAESTRUTURA

Fontes de Adif achacan os habituais desprendementos de noiros ás “condicións climatolóxicas e orográficas propias do Norte de España” e rexeita “categoricamente” que a secuencia de incidencias teña que ver cunha falta de mantemento da que se queixan usuarios do tren e tamén veciños de distintos puntos da liña, entre eles da Mariña.

As mesmas fontes sosteñen que se traballa “intensamente” no mantemento das vías, que é “rigoroso e máis que suficiente“, e que este tipo de desprendemento prodúcense por circunstancias que “son alleas” á operadora.

OS USUARIOS: “A VÍA NON TEN A ATENCIÓN QUE MERECE”

Desde a Plataforma polo ferrocarril Ferrol-Ribadeo, sen valorar a casuística deste último accidente concreto, lembran que desde o seu primeiro informe, elaborado no 2016, veñen advertindo da “falta de mantemento tanto das máquinas como da vía. Os sinistros poden pasar e nalgúns casos ser inevitables, por suposto, pero cun coidado da infraestrutura pasarían menos. As árbores que hai ao pé do ferrocarril, coas súas raíces, case nunca se cortan e rachan as trincheiras feitas, que en moitos casos deberan rebaixarse en dous niveis; se se limparan as cunetas para que non haxa bolsas de auga, todo o mundo ten claro que a posibilidade de ter accidentes é moito menor”.

“A vía non recibe a atención e o mantemento que debe, iso é innegable. Os que usan o tren saben perfectamente cal é o estado da infraestrutura e que non é o axeitado”, sinalan desde o colectivo, que con todo recoñece que nos últimos meses “si se fixeron desbroces nalgúns sitios e mostrouse máis interese nesta cuestión. Estamos mellor ca antes, cando os viaxeiros se queixaban de que as máquinas tropezaban coas ramas das árbores, quedando danadas”, admite.

Desde a plataforma sosteñen que “non hai unha sensación de perigo ou de medo” entre os usuarios do tren por este tipo de situacións, que con todo lamentan o “desleixo” da Administración. “Parece que se nos tenta dicir que o tren non se debe usar, que é algo vello que evitar; non nos cansamos de dicir que o que falta é atención e investimento“, expoñen.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...