O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidiu este luns a entrega dos premios á dinamización demográfica 2019, que recaeron nos municipios da Veiga, Parada de Sil e Cervo.
Estes tres municipios desenvolveron iniciativas como viveros empresariais, de valorización de produtos agrícolas, plans de rehabilitación de vivendas baleiras e en desuso, axudas á natalidade e o transporte, espazos de lecer para nenos e maiores, e tamén para emprendedores, entre outras.
Na cerimonia de entrega destas distincións, celebrada en Arbo (Pontevedra), Feijóo avogou por “seguir colaborando” na dinamización de zonas rurais para construír unha comunidade autónoma “máis vertebrada”, na que haxa “igualdade de oportunidades” con independencia do lugar no que residan as persoas.
Tamén recalcou que a demografía é un dos maiores retos aos que se enfronta non só Galicia, senón Europa, e aludiu ao pacto impulsado en 2018 xunto con Castela e León, Asturias, Aragón, A Rioxa e Castela A Mancha.
O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, participaron na gala na que se fixo entrega ao goberno local cervense do recoñecemento.
Segundo expón Villares, o galardón, dotado con 12.500 euros, é o resultado dun “proxecto integral de revitalización demográfica” que desenvolve o Concello de Cervo e que “ten como eixos principais e diferenciadores a cesión de espazos públicos para favorecer o emprendemento e atraer novas familias ao noso municipio ou as bolsas de formación remuneradas dirixidas á mocidade, que supoñen que desde o ano 2010 máis de 80 rapaces tiveran esa primeira toma de contacto co mundo laboral en dependencias municipais”.
BONIFICACIÓNS FISCAIS A EMPRESAS
Deste xeito, o rexedor recordou que a creación do Centro de Emprendemento de Sargadelos, ou a recente cesión dunha parcela do polígono de Cuíña ao Instituto Tecnolóxico de Galicia son dous exemplos do “esforzo” que está a facer o Concello para consolidar e fixar poboación, ademais das “bonificacións fiscais ás empresas” condicionadas á creación de emprego estable “conscientes de que a perda de poboación é unha realidade xeneralizada en poboacións como a nosa ante a que non podemos permanecer impasibles”.
Caramés pola súa banda subliñou que as axudas á escolarización –transporte e material- tamén teñen un importante peso neste proxecto; ademais dos programas de conciliación.