IniciosociedadeLoureiro salienta as xestións para "evitar que moitas familias" do edificio de...

Loureiro salienta as xestións para “evitar que moitas familias” do edificio de Nicolás Cora perderan a vivenda

O inmoble número 50 da rúa viveirense, que se construíu a partir dunha licenza ilegal, será derrubado parcialmente obrigando ao realoxo de oito grupos de residentes

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro asegurou este mércores a través dun comunicado de prensa que as obras de derrubo parcial e de adaptación á normativa urbanística do edificio número 50 da rúa Nicolás Cora Montenegro, que se realizarán nos vindeiros meses en cumprimento dunha execución de sentenza e obrigarán a realoxar oito familias, “poñen fin a moitos anos de loita desde o goberno local co obxectivo de evitar a súa demolición total e as consecuencias que tería para os veciños”.

Nos vindeiros meses procederase a realizar as correspondentes obras no sobreático, ático, planta baixa e entreplanta, para o cal foi preciso desaloxar a oito familias residentes nas plantas cuarta e quinta.

Segundo expón o executivo municipal, os feitos remóntanse ao 17 de xaneiro de 1994, “sendo alcalde (o popular) César Aja Mariño, cando o Concello de Viveiro outorgou unha licenza para a construción do edificio. Dita licenza foi obxecto de recurso por parte dun particular, ditándose sentenza o 29 de febreiro de 1996, na que se acordaba a demolición do construído”.

Esta sentenza foi recorrida en apelación, sendo desestimado o recurso e ditándose nova sentenza o xuño de 2001 polo Tribunal Supremo, “que con carácter firme obrigaba a este Concello a executar a demolición dese edificio”, remarca a alcaldesa, a socialista María Loureiro.

DESTACA A “VALENTÍA” DE MELCHOR ROEL

“O anterior alcalde, Melchor Roel Rivas, consciente da magnitude da execución da sentenza e das súas graves consecuencias para os veciños no inmoble, iniciou un longo proceso na busca dalgunha posible solución que evitase o derrumbe total do edificio. O 15 de xuño de 2012, este concello presentou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un incidente de execución, alegando que mediante a realización de diversas obras poderíase cumprir coa normativa urbanística vixente, evitando, deste xeito, a súa total demolición”, prosegue a rexedora.

O 25 de novembro de 2015, o Concello solicitou a declaración da inexecución parcial da sentenza aos efectos de darlle cumprimento mediante as obras de demolición parcial que agora se van a acometer, evitando a demolición total. Esta solicitude foi aceptada polo TSXG e o concello iniciou os trámites para a contratación da execución das obras de demolición parcial do inmoble sito no número 50 da rúa Nicolás Cora Montenegro, asinándose o contrato coa empresa adxudicataria o 15 de xaneiro de 2020.

En pleno prazo de execución das obras, dende o Concello de Viveiro “quérese facer especial fincapé no empeño tanto desta como da anterior corporación para evitar unha sentenza que suporía a perda da súa vivenda para un gran número de familias e, moi especialmente, na valentía de Roel desobedecendo reiteradamente os requirimentos para a execución da sentenza e asumindo, persoalmente, as multas impostas por este motivo”, lembra Loureiro.

A rexedora pide desculpas “polas molestias que estas obras, consecuencia dunha licenza ilegal outorgada en 1994, están a ocasionar aos veciños e veciñas de Viveiro e moi especialmente aos residentes na edificación afectada”.

RESTRICIÓNS DE TRÁFICO

O Concello anunciou que, con motivo do inicio das obras, é necesaria a instalación dun guindastre de grandes dimensións, polo que haberá restricións do tráfico desde o vindeiro venres, ás 8.00 horas, estimándose que as labores rematen ese mesmo día.

Deste xeito, restrinxirase totalmente a circulación de vehículos, con excepción dos accesos a garaxes situados nesa rúa; non se poderá estacionar en toda a vía dende a tarde do xoves 27 de febreiro, a fin de habilitar dobre saída de circulación para entradas e saídas de garaxes a ambas marxes do número 50; á altura do inmoble, a circulación verase totalmente restrinxida; permitirase o acceso de vehículos para facer uso da praza de transporte adaptado existente antes no número 50 desta rúa; veranse afectadas as paradas de bus escolar da Praza Juan Donapetry e de Nicolás Cora, polo que se solicita aos escolares usuarios das mesmas que ese día fagan uso da parada de bus existente fronte ao Conservatorio de Música ou aquela que, no seu caso, indiquen dende a empresa de autobuses.

O PP RECLAMA A CONSOLIDACIÓN DO PASEO DE COVAS

O Partido Popular (PP) de Viveiro reclama obras “urxentes” de consolidación no paseo de Covas, que “depende do Concello”. Os edís populares reclaman do goberno municipal que adopte as medidas precisas para corrixir canto antes deficiencias “sinaladas pola propia alcaldesa” tras un rogo dos conservadores no pleno.

“Segundo se recolle na acta da sesión, a presidenta da corporación municipal apuntou que case trinta anos despois da súa construción, o paseo marítimo de Covas atópase nun grave proceso de deterioro. Dixo que este paseo levantouse sobre un solo de area e as filtracións de auga ao longo de todo este tempo danaron de forma irreversible o subsolo, afectando á estrutura do paseo. Desde xeito a presidenta da corporación municipal veu a dicir que os problemas que presenta non van ser corrixidos polo Concello, ou polo menos todo indica que non hai nada previsto a curto prazo”, critica o PP viveirense.

Deficiencias no paseo de Covas. AXM

A concelleira popular Teresa Pérez insiste en que «o solo está ennegrecido, por non dicir con mofo; con cantidade de baldosas estragadas, con herbas que medran polo medio delas, con desniveis nos que se forman pozas cando chove». Engade que existe perigo de caída para persoas con mobilidade reducida. Así, insta ao goberno local á consolidación da estrutura.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...