O colectivo Por Nuestro Faro insta ao alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, a que “respecte e faga respectar o estipulado por el mesmo e pola Fiscalía“, pois, afirma, a porta do Faro de Illa Pancha segue obstinadamente pechada“.
O ministerio fiscal considerara que “é clara a obriga da empresa concesionaria do espazo, que rexenta un negocio hoteleiro, de “facilitar o acceso ao público en xeral”. Malia isto, a agrupación insiste en que “varios membros do grupo desprazáronse en diferentes ocasións ata a porta da illa para verificar o seu estado, comprobando que esta seguía pechada, como por outro lado todo o mundo sabe”.
Nun comunicado de prensa, Por Nuestro Faro anuncia que insistirá ante a Fiscalía en que a veciñanza segue sen ter “acceso libre” ao espazo. O colectivo amosouse crítico co Concello ribadense, “pois non se entende a súa inacción e silencio se o seu desexo non é favorecer a unha empresa privada antes que respectar o patrimonio público e o dereito do pobo de Ribadeo a acceder a este”. Podes ler o comunicado completo na ligazón que segue. comunicado por nuestro faro