A concellería de Medio Ambiente de Burela anunciou que iniciou os trámites para incluír a areal de Ril na Rede Galega de Praias Sen Fume na vindeira tempada de baño, na de 2020.
A edil responsable desta área, Toñi Eijo, explica que “acabamos de iniciar os trámites necesarios para incluír, na tempada de baño 2020, á praia de Ril dentro da Rede Galega de Praias Sen Fume, promovida polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), dentro do Programa Galego de Promoción dunha Vida Sen Tabaco”.
Eijo subliña que “os obxectivos que persegue o Concello con esta iniciativa centraranse, entre outros, na promoción dunha vida sen tabaco e de respecto ao medio ambiente, a través da implementación progresiva do referido programa nun ámbito de dominio público, como son as praias do municipio”.
18 AREAIS NA MARIÑA ADHERÍRONSE NO 2019
Ril sería a primeira praia de Burela que se adhire a esta campaña, que conta con 18 areais na Mariña Lucense. No pasado verán, Barreiros sumou Arealonga, As Pasadas, Lóngara, Fontela-Valea, Acantilado-Remior, San Bartolo e Altar; con anterioridade xa formaba parte da rede a de Coto. En Cervo, son areais sen fume O Torno e Cubelas.
No Vicedo forman parte da iniciativa Vidrieiro, Caolín, Xilloi e Abrela. En Xove, Esteiro está libre de tabaco; A Rapadoira, en Foz, é outro dos areais da bisbarra adherido á rede, así como Esteiro, en Ribadeo.
SEN SANCIÓNS
Nestas praias non se fuma na zona de area, aínda que se trata dunha campaña de concienciación, dado que non existe vixilancia nin sancións para aqueles que non cumpran.