O Ceip Gregorio Sanz de Ribadeo resultou premiado na primeira edición dos Premios ás Boas Prácticas de Educación Inclusiva, cos que a Xunta de Galicia recoñece o traballo neste eido de oito centros educativos de toda Galicia nas dúas modalidades convocadas, a dirixida a centros de Infantil e Primaria, e a dirixida a centros de ESO, Bacharelato e FP Básica.
O proxecto premiado do centro educativo ribadense, que recibiu o accésit na modalidade de Infantil e Primaria, desenvolve accións que fomentan que todo o alumnado xogue nos tempos de lecer, favorecendo a igualdade de oportunidades e incrementando a responsabilidade e tolerancia a través da figura dos superdinamizadores e das superdinamizadoras (os propios escolares) e con outras accións que teñen por finalidade sensibilizar, visibilizar e normalizar a realidade do centro. Entre elas figura que o alumnado aprenda a lingua de signos española.
PREMIADOS
Na categoría A, de centros de Infantil e Primaria, o primeiro premio foi para o Ceip Luís Seoane de Oleiros (A Coruña); mentres que na categoría B, de Secundaria, foi para o IES Manuel Murguía de Arteixo (A Coruña).
Na modalidade de Infantil e Primaria o resto dos galardóns recaeron no Cep Pilar Maestú Sierra da Pobra do Caramiñal (A Coruña), que obtivo o 2º premio; no Cep de Quiroga (Lugo), co terceiro premio; e cun accésit para o Ceip Gregorio Sanz.
Na modalidade de Secundaria o resto dos galardóns foron para o IES Montecelo (Pontevedra), co 2º premio; para a EPAPU de Monterroso (Lugo) co 3º premio; e o accésit para o IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
DOTACIÓN DE 18.000 EUROS
A Consellería de Educación instaurou este premio, asegurou a través dun comunicado, “como unha das medidas para impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas de inclusión educativa que se realizan nos centros docentes, e recoñecer o labor, esforzo e compromiso persoal e profesional que, neste sentido, están a realizar os equipos docentes”.
O premio está dotado cunha contía total de 18.000 euros a razón de 5.000, 2.500, 1.000 e 500 euros respectivamente para o primeiro, segundo e terceiro premio e para o accésit en cada unha das categorías establecidas.