A Sala do Penal da Audencia Nacional condenou a un ano de prisión a Lucía Expósito Cao, veciña de Galdo (Viveiro) acusada dun delicto de autoadoutrinamento xihadista. A Fiscalía solicitara no xuízo, celebrado en decembro do 2019, unha pena de dous anos de cárcere. A defensa pedía a libre absolución.
A sentenza considera probado que a muller buscou palabras en Internet -como Santiago, infieis ou destrución– co ánimo de cometer un atentado coincidindo coa celebración do Día do Apóstolo, o 25 de xullo, e que se atoparon no seu teléfono 17.130 imaxes relativas á xihad e ao Estado Islámico (Daesh).
Con todo, o fallo xudicial considera atenuante o “transtorno de personalidade” apuntado por dous peritos no xuízo. Ademais, interpreta que a condenada tiña “escasa potencialidade” para cometer un atentado. Engade que mentres foi sometida a vixilancia pola Garda Civil, despois da denuncia dunha testemuña protexida, non houbo indicios de que planease accións violentas.
Lucía Expósito Cao foi detida por primeira vez en outubro de 2018, e de novo en xullo do 2019, cun operativo policial que provocou o estupor en Galdo.