Ribadeo celebrará o Día Internacional da Muller coa gala ‘Por Elas e Para Elas‘, que terá lugar no Cine Teatro o vindeiro sábado, 7 de marzo, a partir das oito da tarde. A entrada é libre e gratuíta. O evento foi presentado este martes no salón de plenos do consistorio.
A Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) organizan o evento. “Seguindo as liñas propostas este ano pola unión do feminismo galego, nas cales se decidiu situar os coidados no centro das reivindicacións deste 8 de marzo, artellamos este acto a nivel local, para poñer o foco nos coidados das persoas da nosa vila”, expuxo a edil ribadense, Mari Luz Álvarez Lastra.
A edil nacionalista subliñou que o evento leva por lema “Eu coido, Ti coidas, Coidámonos“. “Queremos facer fincapé en que se unha persoa non coida, esa persoa está descoidando. Porque os coidados son imprescindibles na nosa vida diaria: ás persoas, os coidados ao territorio, os autocoidados… E deben ser colectivizados. Non existe un termo medio. Ou coidas, ou descoidas”, salientou.
“Debemos desmontar dunha vez por todas a idea de que a figura coidadora por natureza é a da muller. Porque seguir alimentando eses estereotipos implica seguir mantendo roles diferenciados dentro sociedade, e polo tanto, implica que as mulleres sigamos suxeitas á discriminación”, argumentou.
AMOSARÁ O TALENTO LOCAL
A directora do CIM, Luisa Couceiro, contou que “debemos destacar que todas as mulleres que participarán na gala son de Ribadeo pois é a nosa idea facer que sexa por elas e para elas. E por iso contaremos coa presenza de Carmen Rodríguez, que é a música e compositora que temos en Ribadeo; Silvia Murias, que é unha poeta afeccionada; o grupo da Escola Municipal de Danza; as mulleres do programa de dinamización das parroquias de Ribadeo Aquí como de 20, que tamén terán un papel importante nesta gala; a asociación de amas de casa; e o grupo de teatro de Ribadeo, que se encargará de presentar o acto”, concretou.
Música, danza, poesía, proxeccións de vídeo e un fotomatón á entrada do Cine Teatro animarán a gala, cunha hora aproximada de duración.
AUTOCOIDADOS
Pola súa banda, Beatriz Yáñez, técnica de Igualdade do CIM de Ribadeo, explicou outro dos obxectivos da gala, “lembrar a importancia dos autocoidados, de situarnos tamén a nós mesmas no centro, de ser tamén prioridade, de saber cando temos que parar, de poñer límites, de saber dicir que non, de dedicarnos tempo, de coidar o noso tempo de ocio… En definitiva, de escoitar o que necesitan os nosos corpos, igual que tan ben se nos deu escoitar o que necesitaban os demais ao longo da historia”.
FOZ E RIBADEO ANIMAN A MANIFESTARSE O 8-M
Desde o CIM e o Concello animan a participar na manifestación prevista para o domingo, ás 12.00 horas en Foz, e organizada polo movemento Galegas 8M. A protesta partirá da Rapadoira, con posterior xantar colectivo, actuacións de grupos locais, e unha foliada feminista para pechar a xornada.
Tamén animaron a participar na manifestación desde o Concello de Foz, que organiza, previo á celebración do pleno ordinario da corporación municipal deste xoves, 5 de marzo (20.00 horas), unha concentración na praza do Concello con lectura de manifesto, con motivo do Día da Muller Traballadora.
“Este ano queremos facer especial mención ao eido dos coidados a persoas en situación de dependencia: nenos, anciáns, enfermos, etcétera, que recaen case en exclusiva no colectivo feminino, de forma non remunerada na maioría dos casos. É obrigado recoñecer esta importante labor e poñela en valor”, explicou a segunda tenente de alcalde, a socialista Inés López Couto.
MOCIÓN DO BNG FOCEGO
O BNG de Foz presentou unha moción para o seu debate en pleno a fin de que o Concello apoie o as mobilizacións promovidas nas defensas dos dereitos das mulleres, que na Mariña terán lugar a partir das 12.00 do día 8 en Foz.
CRÍTICAS DO BNG DE VIVEIRO AO CONCELLO POR PROGRAMAR UN ACTO COINCIDENTE
Desde o BNG de Viveiro criticaron que por parte do Concello se programase un acto que coincide na mesma data e hora que a manifestación en Foz. Desde a formación nacionalista censuran “a falta de compromiso” co feminismo do executivo socialista, “pois o pasado novembro negouse a reclamar á Xunta máis recursos económicos para a loita contra a violencia de xénero, como tamén demandar ao Goberno do Estado, a introdución no marco legal do concepto de consentimento para mellorar a tipificación e o tratamento de violación e das agresións sexuais, entre outras demandas. Unha decisión nada acertada, sobre todo cando os seus compañeiros de partido sí se sumaron noutros concellos”, argumentan.