Os 16 alumnos que participaron no plan de emprego encargado da primeira fase das actuacións de recuperación do Mirador Os Paredones, en Mondoñedo, recibiron o seu diploma. Participaron no obradoiro 20 persoas, entre elas o alumnado, que recibiu formación teórica e práctica na especialidade de operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.
OBRAS
Na primeira fase das actuacións, o alumnado acondiciounou o exterior da fachada, os peches, a cuberta e a carpintería. Tamén realizou tarefas de desescombro, limpeza de xardíns e melloras nos ventanais do edificio.
Os 20 desempregados que participaron neste obradoiro -16 alumnos traballadores, un director, dous monitores e unha administrativa- realizaron un total de 1.440 horas de formación mediante diversos módulos.
O obxectivo do taller foi capacitar aos alumnos no coidado e rehabilitación de edificios, así como proporcionar aos traballadores nova formación e facilitar deste xeito a saída laboral destes operarios.
Ademais, os participantes realizaron formación complementaria en ámbitos como a sensibilización ambiental, a alfabetización informática, a inserción laboral e técnicas de emprego, a prevención de riscos laborais ou a formación para a igualdade.
A Deputación Provincial, titular das instalacións, promoveu a través do plan Goberna Provincia estas actuacións, ás que achegou 50.000 euros. A Consellería Economía, Emprego e Industria contribuíu ao proxecto con 224.000 euros.
ALBERGUE
A intención é que o mirador poda exercer como albergue e alivie as dificultades que padece Mondoñedo para acoller peregrinos. Na entrega de diplomas participaron a deputada provincial Mayra García, o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia.
NOVA EDICIÓN
Balseiro avanzou que a Xunta iniciará a partir do mes de setembro unha nova edición do programa de obradoiros de emprego, que presenta como novidade os obradoiros duais.
O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses e a contratación en prácticas durante tres meses máis -como mínimo- nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.