Saúl Jiménez pertence a unha estirpe de retratistas. O responsable de Carlos Fotógrafos (antes Foto Carlos), en Viveiro, representa a cuarta xeración dun negocio que comezou o seu bisavó (Foto Cine Ariza). O viveirense remarca as posibilidades dun xénero pouco prestixiado, o das fotografías de eventos familiares como vodas, bautizos ou comuñóns, estas últimas á volta da esquina.
A fotografía de comuñóns, ao igual que a das vodas e bautizos, é un clásico que se foi renovando co tempo. Como cambiou?
Cambiou dunha maneira moi positiva. Nas comuñóns, cando comecei na fotografía, hai 25 anos, facíanse 30 ou 40 fotos para o recordatorio, para dar a postal o día do evento e despois un álbum pequeno. Agora facemos unha compilación no estudo, posteriormente na igrexa, e logo outra das familias no exterior.
Agora prima unha fotografía máis espontánea, na que tendemos a tentar que os nenos se mostren como son, que sexan eles mesmos. Para iso os fotógrafos temos que meternos no papel, que a min se me dá moi ben (risadas). Pasamos moito tempo con eles. Antes as imaxes eran moi marcadas, cos traxes da comuñón e posando co rosario ou co libro, e agora buscamos fotos máis orixinais. Sen desvirtuar o contido relixioso do evento, queremos que teñen máis presenza da que tiñan antes o neno, a familia. Os álbums tamén son diferentes; este ano traballaremos cunha marca especializada en deseños para comuñóns, polo que teremos unha base, a xeito de conto, para ordenar as instantáneas. Temos dúas opcións diferentes a elixir.

AS FAMILIAS, PROTAGONISTAS
Resalta que as imaxes familiares no exterior se potenciaron moito.
Os retratos familiares ao completo, máis en exteriores, son moi interesantes, porque sabemos que despois é moi complicado reunilos de novo a todos; tamén, os nenos medran, e de adolescentes amosan máis pudor para este tipo de cousas.
Falamos dunha época na que se pasa da nenez á adolescencia, así que é un momento moi indicado para reunirse e retratarse. Ás veces é complicado, dado que as comuñóns celébranse practicamente nun prazo de dous meses, poder facer todas as cerimonias das que hai demanda. En cambio, o reportaxe familiar pode organizarse sen depender desas datas concretas.
DE 200 CAPTURAS A 2.000
Como cambiou este tipo de fotografía a era dixital?
Iso cambiou moitísimo. Eu son da vella escola (risadas), así que me ía cunha Hassel 6×6 e podía disparar cinco rolos de 24 fotos e dous de doce de branco e negro. Unhas dúascentas; hoxe en día, nunha voda podes facer 2.000 fotos. Iso é xeracional, o cambio da era dixital fíxonos traballar moitas máis horas, agora hai moitísimo proceso, sobre todo a nivel de posprodución, por así dicilo.

“O FOTÓGRAFO SABE VER A LUZ”
Hoxe en día, cos smartphones, a xente está permanentemente quitando fotos, boas, malas e regulares. Haberá quen pense que dese xeito non é necesaria a fotografía profesional. Que lle diría a esas persoas?
Sempre hai quen o pensa: “teño ese amigo que me quita as fotos, ese parente que ten unha cámara boa…”. A experiencia dinos que as parellas que optan por iso acaban arrepentíndose. Non se fan a mesma cantidade de fotos nin son igual de boas, porque obviamente ese convidado non vai estar prestando atención só á cámara, e mesmo os nenos, cando remata a cerimonia, están máis pendentes de xogar e de pasalo ben ca de comer e estar cos familiares. Non é igual un profesional que quen non o é, non calquera persoa é fotógrafa, neste oficio coma no resto dos traballos. Nas cerimonias ou nos banquetes pasan as cousas moi rápido e hai que ter táboas, saber, estar alerta para obter unha boa composición, unha boa iluminación: o fotógrafo ve a luz dun momento, dunha situación, cando os demais disparan.
Nese sentido, nos nosos traballos imos orientándonos ao reportaxe espontáneo: capturar os momentos realmente que emocionan, capturar esas imaxes que emocionan por elas mesmas. Os abrazos, ou os choros, as miradas de complicidade, que son o que realmente che provoca un recordo e te leva a e eses momentos que viviches. Nas vodas, ofreceremos aos noivos que escollan, ademais das fotos máis bonitas, máis conseguidas, que son cousa nosa, aquelas outras que máis as movan, para poñelas no álbum.

TRES NOMINACIÓNS AOS GOYA
Aquelas que retratan ás persoas.
Si. Os fotógrafos temos esa visión, pero quizais non coñecemos certos detalles, a personalidade da xente, a intrahistoria das fotos, que para os clientes teñen significado.
Recibiu tres nominacións aos premios Goya, a última delas por unha foto dunha noiva no Pazo da Trave. Supoño que demostra que este tipo de fotografía, ás veces tan pouco prestixiada, pode ser unha obra de arte.
Si. Eu penso que neste tipo de eventos pode verse igualmente o bo facer do fotógrafo, que ao final busca retratar cunha imaxe unha historia. Detrás dunha boa foto sempre hai unha boa historia. No meu caso persoal, as tres nominacións aos Goya (2003, 2007, 2019) sempre hai detrás da instantánea un personaxe central.