A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña reclamou este luns á dirección do Hospital da Costa que “demostre con feitos” que a asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas) “é continuista”, despois de que unha paciente se queixase a través do Xornal da Mariña de que a xerencia lle “nega” a derivación ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) para someterse a unha operación de ombreiro que non se practica nin en Lugo nin en Burela.
O colectivo reclama ao Sergas que facilite á doente “a posibilidade de equipararse a calquera outro paciente que resida en A Coruña ou Santiago. A plataforma sostén que “casos coma este” demostran, ao seu xuízo, que os cidadáns da Mariña Lucense “estamos a ser tratados como pacientes de segunda clase”.
A paciente, que padece unha rotura do tendón do músculo supraespinoso do ombreiro dereito, foi sometida a dúas operacións que non acabaron coa dor e cos problemas de mobilidade que sofre desde o ano 2017. Tras un período de rehabilitación foi dada de alta, polo que presentou dúas reclamacións en atención ao paciente sen éxito.
Nunha clínica privada informárona de que podería someterse a unha intervención de reconstrución da cápsula articular anterior, operación que se fai en Santiago ou A Coruña, pero non en Burela nin Lugo. Despois de denunciar a situación ante a Valedora do Pobo, a dirección médica do Hospital Público da Mariña recibiuna, pero non aceptou a súa solicitude, pois segundo afirma “só atopei actitudes agresivas e á defensiva”.
A plataforma afirma que “as Xerencias dos centros públicos deberían ser transmisoras de solucións e empáticas co sufrimento das persoas, garantindo, no contexto da mellor atención posible, o acceso ás técnicas máis avanzadas e máis axeitadas a cada caso, ofertándollas ao paciente independentemente do lugar onde vivan”.