Un home de Foz de 60 anos deu positivo á primeira proba de coronavirus. O doente ingresou o pasado domingo no Hospital Público da Mariña por unha neumonía e o test de Reacción en Cadea da Polimerase (PCR, polas siglas en inglés).
O pasado luns foi trasladado pola noite a Lugo, ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), segundo publica El Progreso, onde permanece illado e, en principio, estable. Actualmente está á espera do segundo test, que se realiza en Madrid.
Segundo fontes consultadas, o primeiro test deu resultados “anómalos” polo que a Xunta agarda as probas realizadas en Majadahonda, onde está o laboratorio de referencia para certificar o positivo, tras a primeira proba realizada polo Sergas. Respecto diso, o xerente do HULA, Ramón Ares, ratificou que este paciente “está ingresado en Lugo”, onde a situación é “tranquila. Hai un caso en estudo”, abundou. Tratariase dun caso importado, xa que o doente viaxara a Madrid, un dos principais focos estatais, para ver uns familiares.
Tamén aproveitou para transmitir “tranquilidade á poboación, coas medidas que trasladan de ter coidado, fundamentalmente, cos contactos”. “Estamos a falar dunha situación que afecta a determinadas persoas en contacto con determinadas zonas, pero a situación é normal”, subliñou. “O que está a traballar é o servizo de vixilancia epidemiolóxica e o servizo de medicamento preventivo, pero é a Consellería a que dá información destes casos”, insistiu.
CASTIÑEIRA FALA DE SITUACIÓN “COMPLICADA”
Pola súa banda, o ex alcalde de Foz Javier Castiñeira confirmou que se trata dun veciño deste municipio “e está por valorar unha segunda impresión (sobre o positivo), pero si é certo que esa situación é complicada para o pobo“.
“É unha familia que fai vida no pobo (Foz) e hai certa incerteza nese sentido. Hai que pedir calma, pero si é certo que se se nos instala na Mariña é un foco máis que complica a vida social do pobo, aínda que é certo que confiamos nas autoridades en xeral”, concluíu.
18 CASOS EN GALICIA
O pasado luns, a Consellería de Sanidade confirmara a partir das análises do Centro Nacional de Microbioloxía un total de 18 casos na comunidade galega, trece na área da Coruña, catro na de Vigo e un na de Ourense. Polo tanto, o deste focego sería o primeiro positivo por coronavirus da provincia de Lugo.