Catro alumnas matriculadas no Ciclo Medio de Servizos do IES de Foz gañaron premios en catro campionatos galegos celebrados recentemente no ámbito da hostalería. Son Rocío Jiménez, Andrea Miranda, Iria Pardo e Perla Sención.
Jiménez logrou o segundo premio do Campionato de Sumillería Suso Domínguez, do CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra. Miranda levou o primeiro galardón no certame de coctelería clásica Xosé Moldes, do IES Fragas do Eume, de Pontedeume. Pardo conseguiu o terceiro premio no certame de cata de escolas de Hostalería do IES de Foz. E Sención foi a terceira en baristas de escolas de Hostalería no centro mariñao.
Desde a dirección do IES felicitaron ás alumnas, xa que “o seu traballo e esforzo redunda nunha mellor ensinanza e profesionalizan o sector, sendo un orgullo para o centro e contribuíndo a visibilizar a figura da muller dentro dun sector como é o da hostalería, onde, malia que as mulleres supoñen o 53 por cento, a gran maioría de cociñeiros e sumilleres recoñecidos son homes”.
Ademais outros dous estudantes do IES Foz conseguiron premios en senllos certames: Fran García gañou o campionato de coctelería interescolas de Monin, celebrado en Madrid, e Juan Rubiños logrou o segundo premio no concurso de cata profesional do IES de Foz.
O Ciclo Medio de Servizos do IES de Foz “ten unha duración de dous cursos e dá acceso a ciclos formativos de grao superior, como á dobre titulación de FP Dual, que tamén temos no centro, de Dirección de Servizos e Dirección de Cociña, conxugando dous ciclos superiores nun, polo que se fai en tres anos en vez de en catro”.