A situación con respecto á epidemia do coronavirus non cambiou este mércores na provincia de Lugo, onde se contabiliza segundo fontes oficiais un único caso positivo por esta doenza, o dun veciño de Foz que permanece illado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Dous familiares do afectado permanecen en observación, cun caso pendente de confirmación dun segundo test -tras unha primeira proba positiva- por parte do Centro Nacional de Microbioloxía.
Ademais, sete traballadores do Hospital Público da Mariña permanecen nas súas casas tras atender á persoa infectada o pasado domingo. Ficarán illados por un período aproximado de dúas semanas.
Segundo expoñen fontes da Consellería de Sanidade, o home, de 60 anos, atópase “estable“, padecendo “dentro da normalidade” a sintomatoloxía da enfermidade.
A CORPORACIÓN TRANSMITE UNHA MENSAXE DE “TRANQUILIDADE”
A corporación focega reuniuse, a petición do Partido Popular (PP), na tarde deste mércores. Trala xuntanza dos voceiros dos partidos –PSdeG-PSOE, PP, BNG e Foz Plataforma de Futuro-, emitiu un comunicado no que amosou a súa “confianza nos servizos públicos de sanidade” e transmitiu “unha mensaxe de tranquilidade”. O Concello ofrecerá información a través das redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter) e instan a “actuar conforme as medidas” recomendadas pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidade, instando a aquelas persoas que padezan unha sintomatoloxía compatible a comunicarse co 061 directamente, sen acudir ao centro de saúde. Podes consultar o texto completo nesta ligazón. 20200311_COMUNICADO XUNTA PORTAVOCES
29 CASOS CONFIRMADOS E 15 PENDENTES DE SEGUNDA PROBA
Malia quen non trascenden cifras oficiais sobre este punto, o Xornal da Mariña puido saber que no centro hospitalario de Burela realizáronse novas probas por coronavirus a persoas que non teñen relación co afectado, pacientes que ofreceron síntomas similares aos da doenza nun principio pero que deron resultados negativos.
A nivel galego, o Ministerio de Sanidade fala de 39 positivos, mentres que a Xunta de Galicia confirma por agora 29, con outros 15 pendentes de confirmación tralo segundo test que se realiza en Majadahonda.