O Concello de Trabada anunciou que o pasado mércores comezou a andaina da Escola de Música Moderna de Trabada, con 45 inscritos.
O goberno municipal decidiu poñer en marcha este proxecto educativo “co fin de proporcionar á veciñanza unha formación musical de calidade á vez de enriquecer a cultura e o espírito do noso pobo”.
Este proxecto baséase na premisa de que “non existe unha idade establecida para aprender”, explica a alcaldesa, a socialista Mayra García Bermúdez, “polo cal a oferta educativa está aberta a calquera persoa indeferentemente da súa idade”.
As especialidades instrumentais ás que se pode optar, entre outras, son: piano, batería, guitarra, baixo eléctrico, saxofón, clarinete, gaita, acordeón e percusión tradicional, ademáis da materia de música e movemento para os nenos e nenas entre catro e oito anos. O Concello valora o número de inscritos alcanzado, con “boa acollida” tanto da veciñanza trabadense “coma da doutros municipios limítrofes que se inscribiu”.