IniciosociedadeUnha enfermeira da Mariña en Madrid: "a xente nova ten un papel...

Unha enfermeira da Mariña en Madrid: “a xente nova ten un papel vital, hai que protexer os maiores”

Lorena Domínguez, de Cervo, traballa nun hospital cercano a un dos epicentros da crise sanitaria no Estado: "sabemos que estamos chegando ao límite"

Publicada o

- Advertisement -

A Lorena Domínguez preocúpalle que a entrevista se publique nun galego sen erros normativos. Apenas os comete dado que está en permanente contacto coa súa comarca natal, A Mariña Lucense. Esta enfermeira de Cervo, que traballa desde 2008 no Hospital de Henares (Coslada), preto dun dos principais focos de coronavirus da comunidade madrileña como é Torrejón de Ardoz, conta a súa experiencia nun dos epicentros da crise sanitaria a nivel estatal.

Aínda que admite que o seu posto non está “en primeira liña”, nos servizos de Urxencias e illamentos, Domínguez traballa nunha planta de pacientes de oncoloxía e hematoloxía, onde se atopan os pacientes máis doentes ante unha infección. Por iso remarca a importancia da responsabilidade por parte dos sectores sociais de menor fraxilidade ante o virus. “Penso que a xente nova ten un papel moi importante”, salienta.

CAMBIOS

P. Como está a vivir estes días?

R. A sensación é variable dependendo do día. Sabemos que estamos chegando ao límite, pero temos a esperanza de que coas novas medidas que van levar a cabo desde as autoridades sanitarias a cousa se conteña. Os sanitarios estamos xa moi concienciados, sabemos que isto non se vai quedar en Madrid soamente e tentamos por todos os medios que a xente se conciencie tamén.

Estamos moi pendentes de como van evolucionando as cousas e cada día recibimos nos nosos correos corporativos un protocolo diferente. A actualización é constante porque intentan adaptarse os acontecementos, cousa que non é sinxela.

“cADA DÍA RECIBIMOS NOS CORREOS UN PROTOCOLO DIFERENTE. A ACTUALIZACIÓN É CONSTANTE E ADAPTARSE AO QUE VAI PASANDO NON É DOADO”

SOBREESFORZO

Imaxino que estarán asumindo unha carga de traballo enorme.

Xa se cancelaron permisos, vacacións… E xa se nos avisou de forma extraoficial de que en breve moi probablemente teremos que empezar a traballar máis dunha quenda seguida. Estanse cancelando ciruxías e consultas non preferentes ou urxentes. A verdade é que está situación non pensábamos que chegaría, e aquí estamos facendo o que podemos.

De forma xeral, non estamos aínda traballando máis horas, mais o traballo si que é máis intenso. Pero non se descarta que empecemos a facelo en breve, polo menos no meu hospital. Xa coñecemos moitos casos de compañeiros que se van contaxiando, polo que deixan de estar operativos polo menos durante 15 días.

Progresivamente isto vai ir en aumento e verase mermado o número de persoal, polo que xa contamos con que imos ter que facer un sobreesforzo se queremos sacar isto adiante. Realmente cada un vivimos a situación de forma moi diferente pero nos grupos de redes sociais de profesionais estamos todos moi expectantes, non notabamos tanto movemento dende que tentaron desmantelar a sanidade pública en Madrid hai uns anos.

CONDICIÓNS DE TRABALLO

En que condicións traballan, a nivel de recursos materiais e humanos?

Notamos moito sobre todo a escaseza de material, de equipos de protección individual. Hai un racionamento de máscaras ou material impermeable, o que fai é que traballemos con certa sensación de inseguridade.

“HAI ESCASEZA DE MATERIAL E DE PERSOAL. SABEMOS QUE ESTAMOS CHEGANDO AO LÍMITE”

Realmente sabemos tamén que hai escaseza de persoal. É normal, hai anos que, polo menos na sanidade pública madrileña, traballamos baixo mínimos, polo que unha incidencia deste tipo desborda as previsións rapidamente. Por iso se están reorganizando os servicios e unidades para poñer a disposición da emerxencia do coronavirus o maior número de efectivos. Nos grupos de redes sociais de profesionais recibimos varias mensaxes diarias de hospitais que solicitan persoal, de todas as categorías, para que se envíen currículums.

Como afecta tanto traballo?

Psicoloxicamente estamos moi afectados, hai certa psicose entre nós. Aféctanos moito a falta de protección e de material. Penso que todos estamos concienciados de que temos que atender este tipo de pacientes e debemos facelo sen medo xa que estamos preparados profesionalmente para facelo, pero sí que nos gustaría que non se nos limitase tanto o uso de material, porque realmente penso que somos o suficientemente responsables para facelo con cabeza, sen ter un superior que garde baixo chave certo material, que pode facer falta dun momento a outro, e que, nestes momentos, é imprescindible.

“PSICOLOXICAMENTE ESTAMOS AFECTADOS. A FALTA DE MATERIAL dá unha sensación de inseguridade”

Ademáis, cremos que non estamos suficientemente informados: por exemplo, non sabemos de forma oficial cantos pacientes temos en realidade no hospital, nin cantos compañeiros están contaxiados ou en illamento preventivo, supoño que non o contan para non alarmarnos máis, pero creo que conseguen o efecto contrario.

XORNADAS ESGOTADORAS

No meu caso o hospital é mediano, con recursos máis limitados, pero nos grandes as cifras teñen que ser moito máis elevadas. No traballo diario, dependendo do servicio, as tarefas son diferentes. Dende logo, nas unidades de illamento de positivos o traballo é moito máis complicado; traballar co traxe de protección individual é duro. É esgotador estar cunha bata impermeable, máscara, gafas, gorro, luvas, durante varias horas… É imposible atender o mesmo número de pacientes que se non estivesen illados.

“traballar con bata, máscaras, gafas, luvas… durante varias horas é esgotador”

Afortunadamente, estes pacientes tamén están moi concienciados e facilitan a labor do persoal sanitario no que poden. Moitas veces a comunicación é por via telefónica coa habitación do paciente, para así minimizar o número de contactos durante unha mesma quenda de traballo. A presión psicolóxica case nos afecta máis que a física, penso.

TORREJÓN, FOCO DA ENFERMIDADE

Hai momentos dunha maior tensión, dun maior risco?

Si, sobre todo á hora de retirar os dispositivos, posto que é momento de máis risco para nós. Dende os sindicatos solicitan que os compañeiros que traballen nestas condicións vexan mermadas a sua xornada laboral para compensar ese sobreesforzo. Nas unidades habilitáronse exclusas onde vestirse e desvestirse, faise o posible por manter os casos positivos afastados e illados do persoal e doutros pacientes, pero non resulta doado xa que os espazos son limitados.

No meu caso traballo nunha planta de pacientes de oncoloxía e hematoloxía. Vivimos con tensión con tensión a posibilidade de ter algún caso na unidade. Torrejón de Ardoz é un dos focos principais de Covid-19 en Madrid, Coslada está moi preto, e moitos dos meus compañeiros residen en Torrejón, o que fai que aínda se incremente a incerteza.

“HAI MOMENTOS DE TENSIÓN, sobre todo á HORA DE RETIRAR DISPOSITIVOS, PORQUE HAI RISCO”

A RÚA

E na rúa, como está a actuar a xente?

Aquí en canto apareceron as primeiras medidas de contención, e sobre todo dende o peche de Italia, apareceu a psicose colectiva por ir comprar. Realmente parecía unha distopía ver todos os estantes baleiros nos supermercados, pero non hai desabastecento real, simplemente hai moita demanda puntual, pero que se está repoñendo e non hai escasez de nada (excepto de mascariñas e de xeles desinfectantes).

“AS IMAXES DOS SUPERMERCADOS PARECEN UNHA DISTOPÍA, PERO NON hai desabastecemento real. hai que comprar con cabeciña”

E vou recoñecer algo, ao final, ata para os máis concienciados no tema resulta difícil non caer na histeria. Cando fun ao super, ao final volvín para a casa con máis cousas das que realmente precisaba, xa non tanto por medo ao desabastecemento, senón polas longas colas para pagar, esas aglomeracións non benefician a situación.

Creo que está ben iso de comprar un pouco máis, se así evitamos ir a diario ao supermercado, pero con cabeciña, que non fai falla aprovisionarse para meses, que realmente sempre nos van deixar ir comprar.

ENTRE O DESCOIDO E A PSICOSE

Outra xente é máis descoidada. Semella díficil concienciar de que hai que atopar un equilibrio entre a inconsciencia e a psicose.

Estes días sentábame mal ver xente na rúa como se fose un domingo de verán nas terrazas ou nos parques, ou xente viaxando aos pobos nestes 15 días de contención.

Hoxe (polo venres) xa é outro cantar, parece que a xente se está sensibilizando, e todos xuntos podemos facer frente a esta situación límite, cada un somos un eslabón da cadea, e se non nos implicamos, de pouco van servir as medidas. Que o resto de España tome a Madrid como espello do que pode pasar noutras áreas… Seguro que nuns meses todo pasará, pero haberá que reflexionar que responsabilidade temos cada un nas secuelas que queden.

A BISBARRA

Na Mariña comezamos a concienciarnos da dimensión do problema. Supoño que estará moi pendente da situación na súa comarca natal.

Persoalmente, aféctame e preocúpame máis a situación aí na Mariña que aquí en Madrid. Creo que aquí hai moitos medios, coa sanidade privada que vai ter que asumir a súa parte de responsabilidade, como é lóxico.

Pero aí na Mariña os recursos son máis limitados. Se a cousa medra de forma exponencial, como aconteceu aquí, será máis difícil de conter. Polo que estamos a ver aquí, na maioría dos casos a enfermidade pasa nuns días sen secuelas, pero, e sobre todo na xente maior con antecedentes médicos acompañantes, a clínica pode empeorar e precisan intubación respiratoria. Polo tanto, requiren dun servizo especial e o manexo en planta faise imposible. Aí radica o maior problema, en que de súpeto son necesarias moitas camas da UCI ou de reanimación nun período curto de tempo.

“preocúpame a comarca. hai menos recursos e o problema vén cando por un pico fan falta moitas camas de uci ou reanimación”

EVITAR O COLAPSO

Os sanitarios insisten en que o problema non é tanto a severidade da enfermidade, senón que un pico de casos colapse o sistema.

Moita xente non ve o problema con perspectiva. Os síntomas da enfermidade son leves (tos, febre, dificultade variable para respirar ou dor de gorxa), manexables mesmo nos propios domicilios ou en plantas de hospitalización. O problema surxe cos casos máis graves, que nun período máis longo no tempo, poderían ser atendidos probablemente de forma normal, pero nun pico de casos, as camas fanse insuficientes, e non só as camas, senón tamén o personal entrenado no manexo de equipos especiais como respiradores.

Na Mariña teño case toda a miña familia, os meus amigos, os meus veciños de toda a vida, e non quero por nada do mundo que pasen o que estamos vivindo aquí en Madrid. Sei de moita xente que está escapando de Madrid hacia as casas de veraneo, e realmente paréceme moi preocupante, porque así só conseguiremos espallar en vez de conter o problema.

“é imprescindible non alarmar, pero si ser precavidos. todos somos parte da cadea e debemos pensar en quenes poden levar a peor parte”

CONSELLOS

Que aconsella á veciñanza para facer fronte ao coronavirus?

Realmente creo que é imprescindible non alarmar, pero si facernos conscientes de que a situación é preocupante, e de que debemos ser responsables e non tomalo coma un simulacro ou coma unhas vacacións sorpresa, porque non o é.

Penso que nesta crise ten un papel moi importante a xente nova, eles probablemente son os que mellor levan os síntomas, e así mesmo, son os vectores máis perigosos: debemos protexer os pacientes crónicos, inmunodeprimidos, e os nosos maiores, xa que eles serán os que poden levar a peor parte.

“AS MÁSCARAS PODEN SER ATA CONTRAPRODUCENTES. DEBEN LEVALAS QUENES TEÑAN SÍNTOMAS, PERO O PRINCIPAL É A HIXIENE DE MANS”

Creo que non hai que volverse tolos co tema, pero si ser precavidos. A meus pais téñoos agobiadiños de dicirlles que saian da casa o mínimo, o imprescindible, que se saen tomen as medidas de prevención básicas; que garden certa distancia coa xente, que eviten aglomeracións, que manteñan as mans limpas, e sobre todo, que non toquen a cara coas mans se non están limpas.

MÁSCARAS

O uso de máscara é controvertido. Dende logo, se se teñen síntomas deberían usarse claramente, pero en persoas “sanas” é ata contraproducente, porque dá unha sensación de falsa seguridade, e ó final descóidase a hixiene das mans, que é a medida máis importante e que máis nos protexe. Fixándonos pola rúa, ou na televisión, veremos a moita xente que leva a máscara posta e leva a man encima dela. Pois aí xa non ten sentido, porque cando a saquen estarán igual ou máis expostos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...