IniciosociedadeComo afrontar unha corentena coas crianzas na casa?

Como afrontar unha corentena coas crianzas na casa?

Os expertos aconsellan establecer rutinas e horarios, aproveitar o tempo morto para unha preparar comida saudable ou usar de modo responsable e alternativo as novas tecnoloxías

Publicada o

- Advertisement -

Como pode afrontar unha familia unha corentena como a que estamos a vivir por mor da expansión do coronavirus? Que consecuencias psicolóxicas pode ter un peche nas casas de, alomenos, quince días? Como lidiar con diferentes necesidades nunha mesma vivenda, especialmente coa presenza das crianzas? Que actividades realizar para entreterse e favorecer a armonía no fogar? Tentamos dar respostas a algunhas destas preguntas.

TENSIÓNS

En primeiro lugar, advirten os especialistas, hai que estar alerta das consecuencias psicolóxicas que pode provocar a corentena. “O feito de pecharte na casa e que non che dea o aire libre ou apenas ver a luz do sol implica moita máis tensión da habitual”, expón a psicóloga Alba Guijarro, de Eureka Actividades e organizadora do ResuKids. “Os nenos necesitan queimar enerxía e se non o fai póñense máis pesados e caprichosos. Custa máis xestionar o día a día”, explica.

“Hai xente que é máis caseira, pero o problema é que estaremos na casa un mínimo de quince días. Hai un estudo que concluíu que en China aumentaron os divorcios por mor da corentena“, remarca. “Xéranse situacións de tensión. Tes unhas expectativas que non podes cumprir e todas aquelas cuestións anteriores que pesen son leña para o lume”, sinala.

O MEDO

O propio medo ás consecuencias da pandemia é un factor que engade complexidade ao illamento, polo que se fai fincapé na necesidade de atopar un punto de equilibrio, a media distancia entre o pánico e o desleixo. “Por un lado temos tanta información, algunha veraz, outra non… É unha situación na que nin as autoridades saben que vai pasar, polo que é doado caer na histeria. Por outra banda, estamos todo o tempo falando do coronavirus, pendentes de lavar as mans, de desinfectar os espazos, de lavar a roupa… O propio proceso de adaptación xera certa anguria“, expón Guijarro.

A INCERTEZA PROFESIONAL

Nunha situación de emerxencia sanitaria e conseguinte crise económica, as perspectivas persoais e profesionais tamén inflúen. “Moitos somos autónomos”, pon como exemplo a psicóloga, “e non sabemos que vai pasar, só que por agora non imos cobrar; despois, tampouco se poderemos recuperar o noso negocio, se poderemos seguir coa mesma estrutura… Iso súmase a todo e é doado estoupar. Temos que ter ánimo, ser o máis optimistas e prácticos posible, preparanos e asumir o que veña”, conclúe.

EXPLICAR A SITUACIÓN

Como explicarlle a situación aos pícaros? “Da maneira máis real e natural”, sinala a psicóloga. “Non meter medo porque non é cuestión de xenerar anguria, senón ser realistas. É unha situación extraordinaria e complicada. Aí un virus por aí, que fai dano, ao 80% da poboación polo que nos din non. Temos que estar na casa para protexernos e protexer”, indica a psicóloga, que sostén que “os pequenos asimilan as cousas tan ben ou mellor ca os adultos, asúmeno e actúan en consecuencia”.

OS HORARIOS, CHAVE

O principal consello é levar, na medida do posible, unhas rutinas. “En moitos casos é como se fosen vacacións, pero a falta de horarios pásanos factura a todos e especialmente aos nenos, que están acostumados a ir ao colexio, almorzar a unha hora, e iso pasa factura”, sinala Guijarro. “Hai que trazar dentro do posible unhas rutinas, nas que haxa un pouquiño de todo”, resume.

Jairo Campo, natural de Burela e docente de educación física nun colexio das Pontes, está de acordo. “Este é un mes no que os nenos deberan ter rutinas, eu creo que iso non se lles pode cambiar, deben ter un horario establecido. Recomendaría un tempo concreto para actividades de repaso do curso, e tempo de ocio, quizais pola tarde”, concreta.

NOVAS TECNOLOXÍAS

Outro dos consellos é acotar o tempo dedicado á tecnoloxía e ás redes sociais. “Compartimos moito cos demais porque estamos preocupados, porque estamos a vivir unha cousa distinta, buscamos información… Temos moito tempo morto e acabámolo gastando aí embotados, sen facer nada. Hai que aproveitar para ler, facer marquetería, ver unha película, os hobbies de cada quen”, expón Guijarro.

Respecto dos nenos, “hai que marcar un horario para as pantallas. Son o máis doado, entretéñense rápido porque lles proporciona unha recompensa inmediata do que eles queren, pero despois xeran conflito, porque cando volven á vida real non a teñen”, concreta.

Campo cre que é “o momento perfecto” para “tarefas cooperativas” entre pais e nais e as crianzas, utilizando as novas tecnoloxías cos nenos dun xeito distinto ao habitual, “máis didáctico. Hai un montón de cousas que facer en Internet á parte ver debuxos animados ou os videoxogos. Por exemplo, pódese ver unha película e despois comentala. Eu recomendo ‘Campeones‘, pódese falar con eles sobre a situación dos protagonistas, que ao final é similar á do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), e reflexionar sobre iso”, concreta.

NUTRICIÓN

O docente aposta por utilizar a corentena para transformar hábitos. “Eu faría moito fincapé nunha alimentación saudable“, subliña. “Normalmente excusámonos coas présas e polas mañás dámoslles aos pícaros un paquete de galletas ou calquera cousa. É o momento para, cun pouquiño máis de tempo, facer un almorzo ben preparado, saudable, unha merenda ben feita, concienciar sobre os hábitos alimenticios”, remarca. Tamén recomenda que os nenos “poidan durmir un pouquiño máis, porque madrugan moito habitualmente”.

TELETRABALLO

Unha das cuestións de conflito pode ser a de combinar o teletraballo coa presenza das crianzas. “Hai que repartir tarefas por chanzos porque o traballo é cansado, pero tamén o é entreter aos pícaros para que a outra persoa poida ser o máis efectiva posible. O caso é centrarse nunha única cuestión, aí é cando somos especialmente eficaces”, argumenta Guijarro, que insiste na necesidade dos horarios. “Tendemos a pensar que poderemos realizar tarefas cando queiramos, pero non é así; hai que organizarse e incluso moitas veces fanse máis horas ca na oficina“, remarca.

EXERCICIO

Guijarro e Campo coinciden tamén na necesidade do exercicio, tanto para adultos como para os pequenos. “De tres a seis anos pódese facer un circuíto simple; reptar por debaixo das sillas, subir por riba das mesas…; aos nenos maiores pódeselles facer diferentes xogos, lanzamentos de pelota e recepción, ou utilizar o espazo para tarefas máis concretas, máis analíticas”, resume.

MEDITACIÓN EN FAMILIA

A psicóloga insta a rebaixar a tensión e o exceso de enerxía cun pouco de meditación e de silencio. “Eu estou moi a prol do mindfulness, penso que pode vir moi ben para relaxar o ambiente e manter o equilibrio. Fai falta un espazo para o relax, para rebaixar a ansiedade, e pódese facer todos xuntos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...