O alcalde de Foz, Fran Cajoto, fixo público un bando este domingo, día 15, no que anuncia que “ante a incidencia do COVID-19 (coronavirus) e unha vez analizadas as recomendacións e as decisións adoptadas polo Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática no Real Decreto 463/2020, no que se procede á suspensión dos prazos procesais e prazos administrativos nas súas disposicións adicionais segunda e terceira, e durante 14 días naturais, desde o 16 ata o 30 de marzo ambos inclusive, procederase ao peche de todos os edificios administrativos. Todos os trámites deberán facerse vía telemática / telefónica. Só en casos moi xustificados e con cita previa, segundo a valoración do técnico, poderase atender a unha soa persoa por quenda”, explica.
Nunha resolución da alcaldía de Ribadeo remitida aos medios de comunicación na madrugada deste domingo advírtese que a atención á veciñanza só se prestará de xeito telefónico e telemático. A atención presencial queda reservada unicamente para as urxencias. Os teléfonos que estarán operativos no Concello serán o 982.120.701 e o 982.128.650; no caso dos Servizos Sociais estes serán atendidos no 982.120.808 e a Policía Local no 689.550.055. Hai tamén unha dirección de correo electrónico para que a veciñanza se poida comunicar co goberno local, ribadeo@ribadeo.org.
ANULADOS OS MERCADOS
A resolución declara como servizos públicos municipais esenciais con carácter inicial e susceptibles de ampliación ou modificación posterior en virtude da evolución da situación: rexistro xeral, padrón de habitantes, Policía Local, Servizos Sociais, brigada municipal de vías e obras, recollida de lixo e limpeza viaria, electricidade e iluminación pública, rexistro telemático de facturas e pagamento a provedores, entre outros.
Non haberá mercado semanal os mércores en Ribadeo, nin mercadiño os sábados, ata que a situación se normalice. Permañecerá aberta a praza de abastos para que a xente poida mercar os produtos de alimentación que precise.
Queda suspendida a recollida de cartón porta a porta, a recollida de enseres e tamén a atención ao público no punto limpo ata novo aviso. A medida ven motivada polo estado de alarma que estamos a vivir.
BARREIROS DISPÓN UN SERVIZO DE VOLUNTARIADO
Igualmente, o Concello de Barreiros decreta servizos básicos para o seu funcionamento e a atención á cidadanía nos servizos esenciais será unicamente telefónica e telemática.
O servizos básicos son atención á veciñanza (telefónica e telemática); informática;rexistro xeral; padrón de habitantes; servizos Sociais; brigada municipal de mantemento de espazos públicos; servizo de abastecemento de auga potable; servizo de depuración de augas residuais; limpeza de locais públicos; recollida de lixo e limpeza viaria; electricidade e iluminación pública; secretaría-intervención-tesourería (rexistro telemático de facturas e pagamento a provedores).
A atención presencial será unicamente motivada por razóns de urxencia e para isto precisará cita previa, a través do teléfono 982.124.002 (horario matinal) ou 608.038.952 (servizos sociais).
Para cuestións de carácter urxente que se produzan fóra do horario de 9.00 a 14.00 horas habilítanse os seguintes teléfonos: 619.515.400 (administración xeral) e 608.038.952 (servizos sociais). Para dúbidas ou cuestións non urxentes habilítanse os seguintes enderezos electrónicos: registro@concellodebarreiros.com (administración xeral) e asistenciasocial@concellodebarreiros.com.