A Xunta de Galicia emitiu este luns un comunicado no que resolve algunhas das preguntas máis comúns ante a situación de estado de alarma na que nos atopamos por mor do coronavirus.
Poden abrir as perruquerías? As perruquerías en Galicia non poden abrir agás para a atención en domicilio e por causas xustificadas.
Poden despachar comida os restaurantes? Os locais de comida poderán entregar comida para levar, seguindo as recomendacións sanitarias (distancia de seguridade, tempo indispensable…). Segue permitida a entrega a domicilio.
Permítese o funcionamento dos talleres de reparación? Si poden abrir en Galicia, sempre que se dediquen exclusivamente á reparación. Isto é, se combinan venda e reparación, só poderán dedicarse a esta última actividade.
Teño que ir renovar a miña demanda de emprego? Non, os demandantes de emprego non terán que renovar a súa demanda ata o próximo 30 de abril. Ademais, quedan suspendidas todas as citas presenciais de orientación laboral.
Preciso algún tipo de documento para xustificar que vou ao traballo? Non, non se precisa de ningunha documentación adicional ao circular. Ir ao traballo é unha das actividades permitidas, pero os axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que consideren necesarias. De calquera xeito, tanto neste caso como noutros -ir mercar ao supermercado- presentar documentos -recibos, acreditacións por parte das empresas- facilita eses mesmos chequeos por parte dos axentes.
Poden ir os agricultores ou gandeiros ao traballo? Si, o Real Decreto non establece limitacións á actividade primaria e permite o acceso ao posto de traballo. Recordamos que os axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que estimen oportunas.
Podo saír a facer deporte ou camiñar por prescrición médica? Non, non se pode saír salvo os casos expresamente permitidos. Recoméndase tentar manter certa actividade física no domicilio.
Seguen recolléndose avisos e retirando niños de vespa velutina? Si, continúase realizando o servizo de retirada e continúanse recollendo avisos. É un servizo de importancia, especialmente nesta época do ano e os traballadores contan con equipos individuais de protección.
Hai un procedemento administrativo co prazo aberto, teño que presentalo igual? Non, os prazos administrativos están interrompidos agora mesmo. O cómputo reiniciarase no momento en que se levanten as suspensións. En calquera caso, a sede electrónica segue operativa
E se xa presentei a miña documentación? Se xa presentaches a túa documentación a un procedemento administrativo, este continuará a súa tramitación normalmente
Que pasa coa resolución das axudas? As axudas cuxo procedemento xa está pechado seguirán a súa tramitación e notificaranse segundo o previsto
Podo consultar o estado do meu expediente xa presentado? Si, os interesados poden seguir consultando o estado de tramitación dos seus expedientes na súa carpeta cidadá a través da sede electrónica
Afecta a suspensión dos prazos ás emendas e ás notificacións? Si, tamén se interrompen os prazos de emendas e reanudaranse cando se levanten as suspensións. As notificacións reanudarán os seus prazos nese momento.
Podo seguir presentando queixas e suxestións á Administración autonómica? Si, continúa operativo o teléfono 012 e a sede electrónica.
As altas e baixas de reses dentro da Oficina agraria virtual teñen que ser tamén dentro de prazo? Poderán realizarse a través da Oficina Agraria Virtual ou a través do 012. Só no suposto de que non sexa posible empregar algunha destas dúas vías, poderase presentar posteriormente
Que pasa cos chamamentos da Administración autonómica? Os chamamentos quedan tamén suspendidos, salvo que teñan un carácter urxente. Na web de función pública hai un aviso sobre este punto.
Que ocorre cos animais de compaña? Insístese nunha tenza responsable. Recórdase que poderán permanecer abertas as tendas de alimentación de animais, así como os servizos veterinarios. Asemade o persoal dos centros de acollida seguirá acudindo a alimentar e coidar dos animais que se atopen ingresados nun centro destas características e os técnicos dos centros de recuperación de fauna silvestre continuarán co desenvolvemento das súas funcións.
Tamén se lembra que só os propietarios sen síntomas poderán sacar aos seus cans a pasear, de xeito individual; co fin de que os cánidos poidan facer as súas necesidades. Non obstante, non será necesario limpar con ningunha sustancia desinfectante a zona defecada, tras a retirada da feces do can.
Recórdase que a información científica indica que os animais de compañía non padecen nin transmiten o coronavirus.
AUTOTEST PARA CONTRASTAR SÍNTOMAS
Por outra banda, ante o colapso das canles de posta en comunicación coa Administración galega, a Consellería de Sanidade programou un autotest online para consultar os síntomas e resolver dúbidas sobre o coronavirus. Podes realizalo nesta ligazón.