Os Concellos de Foz, Cervo e O Valadouro, ademais da Deputación de Lugo, ofrecen alternativas de ocio online á cidadanía para pasaren da mellor maneira posible a corentena por mor do estado de alarma decretado polo coronavirus.
O goberno focego acaba de convocar dous concursos de debuxo e de relato curto, como opcións de entretemento para os veciños durante o confinamento ocasionado polo estado de alarma. O prazo para entregar os traballos remata o vindeiro martes, día 24.
Poderanse entregar os debuxos e relatos nas diferentes categorías enviándoos á dirección de correo electrónico concurso@concellodefoz.es. O mércores 25 daranse a coñecer os gañadores e publicaranse todas as obras recibidas nas redes sociais do Concello, onde xa están publicadas as bases.
CERVO
Pola súa banda, Cervo arrincou o pasado mércores o programa de actividades propostas a través das redes sociais municipais (https://www.facebook.com/CONCELLO-DE-CERVO-AYUNTAMIENTO-DE-CERVO-328922863972 e o instagram @cervocultura https://instagram.com/cervocultura?igshid=2jerajytcnpu baixo o cancelo #cervoquedanacasa).
Un concurso nas redes sociais ou rutinas de exercicio físico diario son algunhas das propostas que se están a facer a través das redes sociais municipais.
Para poder participar no concurso os pasos son os seguintes: facerse seguidor da nosa conta de instagram @cervocultura; o mesmo día do concurso, de 12:00 a 20:00 horas, as persoas que desexen participar deber subir a súa foto ou vídeo ao seu instagram etiquetando a @cervocultura co cancelo #cervoquedanacasa. Ás 17.00 horas do día seguinte anunciarase o gañador. Os premios entregaranse ao remate da corentena.
- Mércores 18 de marzo, concurso de fotografía. Premiarase a foto máis orixinal sobre como pasar a corentena na casa
- Venres, 20 de marzo, concurso de debuxo. Premiarase a orixinalidade e a utilización de distintas técnicas.
- Sábado, 21 de marzo, concurso “tik-tok”. Premiarase o vídeo máis enxeñoso.
- Luns, 23 de marzo, concurso de reciclaxe. Premiarase a modalidade máis orixinal realizada con materiais reciclados.
- Mércores, 25 de marzo, concurso de cine. As persoas que desexen participar teñen que caracterizarse das súas personaxes favoritas e gravar unha pequena curtametraxe que faga referencia a dita película, serie ou debuxo animado.
- Venres, 27 de marzo, concurso de música. As persoas que queiran participar teñen que tocar un instrumento, cantar ou bailar.
Ademais, o executivo municipal irá compartindo rutinas deportivas para quenes queiran facer exercicio sen saír, por suposto, do fogar.
O VALADOURO
O Valadouro convida a non esquecerse das tarefas do rural. Deste xeito, elaborou un vídeo para que a veciñanza poida facer trampeo de velutinas nas súas airas.
REDE MUSEÍSTICA
A Rede Museística Provincial porá en marcha actividades en liña, adaptando parte da súa programación didáctica á situación de excepcionalidade provocada pola crise do coronavirus Covid-19.
Cada día, ás 12.00 horas, desenvolveranse sesións virtuais nas que se invitará ás crianzas a crearen o seu propio museo. Trátase dunha proposta que forma parte da oferta didáctica dos museos e que agora se traslada á rede poñendo a disposición das familias recursos para contribuír a que estes días de permanencia obrigada nas casas se fagan máis amenos.
As actividades en liña ofreceranse a través de Zoom, unha aplicación empregada no ámbito educativo para a formación en liña que permite conectar ata 120 participantes con vídeo interactivo.
As persoas interesadas en participar nestas actividades didácticas online poden solicitalo na dirección electrónica redemuseistica@gmail.com, a través da que lles facilitarán o enlace e os contrasinais de acceso.
A Rede Museística Provincial tamén ofrece outros recursos en liña como as visitas panorámicas e virtuais ao Museo do Mar do San Cibrao, ao Pazo de Tor e ao Museo Fortaleza de San Paio de Narla.