O Hospital Público da Mariña rexistrou o pasado martes os primeiros ingresos por mor do coronavirus. Unha das persoas ingresadas fíxoo xa co positivo confirmado, mentres que a posible infección da outra está pendente de confirmación.
Segundo puido saber o Xornal da Mariña, o positivo corresponde a un home duns 70 anos, veciño de Viveiro. En principio, esta persoa resultou infectada ao recibir a visita dun familiar residente en Madrid.
A outra persoa, ingresada cos síntomas habituais do coronavirus, é un varón cuxa posible infección está pendente da realización da proba. Ambos permanecen illados e atópanse ben.
SEIS CASOS
O que semella claro é que, tralo primeiro positivo dun veciño de Foz, que se recupera satisfactoriamente no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), o primeiro confirmado na provincia de Lugo, A Mariña é xa pequeno foco de contaxio. A muller e unha amiga do primeiro infectado resultaron tamén contaxiadas e recupéranse nas súas vivendas.
Como adiantou este medio, tamén deu positivo unha sanitaria do Hospital da Costa, residente en Xove, que permanece en confinamento domiciliario. O seu mozo está igualmente illado, sen síntomas.
Podes consultar nesta ligazón do Galicia Confidencial os focos locais de coronavirus en Galicia.