IniciosociedadeUn médico do hospital: "somos humanos e hai nerviosismo, pero levamos tempo...

Un médico do hospital: “somos humanos e hai nerviosismo, pero levamos tempo preparándonos”

Confirmados os primeiros ingresos por coronavirus, o centro hospitalario da Mariña prepárase para un posible aumento do número de casos

Publicada o

- Advertisement -

O persoal do Hospital Público da Mariña prepárase para afrontar o coronavirus despois de que se confirmasen novos positivos na bisbarra, o dunha sanitaria residente en Xove, e o dun veciño de Viveiro que se trata do primeiro infectado ingresado en Burela. Outra persoa permanece tamén illada no centro hospitalario mariñao, con síntomas habituais da enfermidade e pendente de confirmar que foi contaxiado.

O persoal do centro hospitalario mariñao prepárase para atender os casos in situ e probablemente para novos positivos. Quico Muñoz, anestesista do hospital mariñao, resumía a través de Twitter o sentir dos traballadores da sanidade pública. “A histeria e a psicose é o que peor se leva e é o que temos que tentar frear. Hai compañeiros que choraron, é un sentimento humano e hai nerviosismo, pero levamos tempo en estado de alerta, cos protocolos activados e con plans de contixencia“, indica.

“TEMOS QUE TRANSMITIR TRANQUILIDADE”

Muñoz confía en que o estado de alarma decretado polo Estado “fose efectivo e sirva para adiantarnos un pouco aos acontecementos e ter un pouco de vantaxe sobre outras zonas de España, como Madrid. Agardamos que a epidemia poida vir na medida do posible amortiguada e que sexa un pouco máis controlable, sabendo que pode ser unha cousa expoñencial e que debemos sempre estar preparados para o peor”, remarca.

O anestesista sinala que “estase a traballar ben, na medida do posible ante unha emerxencia deste calibre, que é impredecible. Temos que transmitir tranquilidade, non baixar a garda e afrontar isto da mellor maneira posible. O peor é a incerteza, unha vez haxa moito traballo por este motivo os sanitarios estarán máis metidos nas tarefas e darán o resto”, expón.

O medo ás consecuencias da epidemia non se queda só no traballo, senón que tamén chega ás casas, onde non é posible o descanso polo tema que está en todas as bocas. “Na casa hai momentos de nerviosismo polas medidas preventivas, cos habituais roces. Hai medo a contaxiar ás familias, pais, avós… É así, é humano, cando as persoas están nerviosas cambian un pouco de carácter”, remarca, para pedir á veciñanza da Mariña Lucense “o máximo coidado posible” coas persoas vulnerables.

REORGANIZACIÓN DA ÁREA DE URXENCIAS

No tocante ao protocolo, o anestesista sinala que se fará un desdobramento da área de Urxencias do Hospital da Mariña, creando un corredor dobre. Así, os pacientes con síntomas de coronavirus -ou que teñan problemas respiratorios– non compartirán espazos con aqueles que sexan atendidos nesa mesma área do centro hospitalario por outras patoloxías.

Nunha entrevista para Cope de la Costa, a xerente do hospital de Burela, María José Cortés Canay, expuxo que as probas por coronavirus non se lle fan a todo aquel que presente síntomas ou acuda aos centros sanitarios senón cando o recomenda o Servizo de Alertas Epidemiológicas de Galicia e sempre que a persoa presente síntomas ou estea en contacto con persoas ou zonas de risco. “É importante presentar síntomas porque se non, non se obtería un bo resultado”, afirma.

Cortés Canay admitiu os seis positivos que hai arestora na Mariña Lucense, salientando que se trata de casos “importados“, pois todos aqueles que padecen o coronavirus na bisbarra “teñen un contacto fóra da comunidade“. Expuxo que “levamos tres semanas traballando sobre planos teóricos, e nestes días estamos definindo as zonas de ingreso, onde van ingresar os pacientes críticos e os de atención convencional. Temos que garantir que se atenden todas as Urxencias, tamén aquelas que non teñen que ver co coronavirus”, remarca.

333 POSITIVOS E CATRO MORTES EN GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 333, deles 108 son da área da Coruña, 31 da de Lugo, 34 da de Ourense, 47 da de Pontevedra, 49 da área de Vigo, 56 da de Santiago, e 8 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 11 permanecen en UCI, 63 están en unidades de hospitalización e 259 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse catro altas de pacientes e catro falecementos. O cuarto falecemento é dun varón de 72 anos, que estaba ingresado na UCI do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e que padecía varias patoloxías previas. O número de PCR realizadas é de 2.614.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...