A corentena para combater a expansión do coronavirus evidencia a existencia da fenda tecnolóxica que existe entre a contorna urbana e o rural de Galicia, que se ve “penalizado” por ter peores conexións.
Así o defende o Colexio Oficial de Telecomunicacións (Coettga) nun comunicado no que afirma que esta situación, que se pon de manifesto co aumento da demanda de medios telemáticos e de telecomunicacións froito do confinamento, leva sendo denunciada “durante anos” por veciños e institucións do rural galego.
A principal fenda é a lexislación, afirma Coettga, “porque vai moi por detrás da tecnoloxía. Hai 50 anos, a electricidade chegou á última casa custase o que custase, porque así se lexislou; pero agora, iso non se está facendo”, afirmou o alcalde de San Xoán de Río (Ourense) e vogal do Coettga, Xosé Miguel Pérez Blécua.
“O 5G no rural non o imos ver mentres non se lexisle, porque non sae rendible. No noso concello temos 59 núcleos de poboación, dos que só un supera o 30MB”, apostilou.