O porcentaxe de menores de 20 anos non supera en ningún concello da Mariña Lucense ao de maiores de 64. Os anciáns supoñen o 30,72% da poboación da bisbarra, cinco unidades por riba da media galega. O mariñao medio ten 50,75 anos. Son algúns dos datos que se extraen do informe de indicadores demográficos de 2019 do Instituto Galego de Estatística (IGE), publicado o pasado venres.
No dossier realizado no exercicio 2018, Burela era o único concello da provincia e un dos 16 de Galicia no que a poboación moza superaba á maior. Desta volta, mantense un equilibrio aínda que o porcentaxe de anciáns é levemente superior.
A POBOACIÓN MOZA SÓ ALCANZA O 10,3% NO RURAL
O concello burelao segue a ser con diferenza onde hai unha maior porcentaxe de menores de 20 anos. O 17,97% da poboación do municipio teñen esta idade ou menos. Ségueo Ribadeo (16,44%), a segunda das vilas mariñás nesta estatística; por detrás, con cifras similares, están Viveiro (15,76%) e Foz (15,71%).
Nos municipios das vilas, o porcentaxe de poboación moza é do 16,76%. Nos outros doce concellos mariñaos, o porcentaxe cae ao 10,3%.
Entre os municipios de menor poboación destaca Xove (13,76%); en Lourenzá, o 12,73% dos residentes son menores de 20 anos; no Valadouro, o 11,98%; en Cervo, o 11,55%; en Mondoñedo, o 11,25%; en Barreiros, o 11,08%, e no Vicedo, o 10,68%.
Concellos cun porcentaxe de menores de 20 anos por debaixo do 10% son Trabada (8,63), A Pontenova (8,42), Riotorto (8,17%), Alfoz (con oito de cada cen) e Ourol (7,49%).
EN OUROL, OS MAIORES DE 64 ANOS SUPOÑEN O 45,64%
No tocante ao porcentaxe de persoas con 65 anos ou máis, o número de maiores é especialmente alto en Ourol (45,64%). Por riba do 40% están tamén Riotorto (40,71%), mentres que achéganse a esa porcentaxe Alfoz (39,13), Trabada (38,07) e A Pontenova (37,57).
O Vicedo (35,29%), Mondoñedo (34,73), O Valadouro (33,69), Lourenzá (33,68) e Barreiros (33,25%) soben amplamente do 30%, ao que se achega Cervo (29%) e Xove (24,64%).
As vilas teñen a poboación menos envellecida; Foz supera lixeiramente o 25% (25,40), e Ribadeo (24,64) e Viveiro (24,19) caen desa barreira. En Burela, 18 de cada 100 habitantes son maiores de 65 anos (17,99). Así, a poboación de maiores na Mariña Lucense é do 30,72%, superando en máis de cinco unidades a media galega (25,2).
A IDADE MEDIA SUPERA EN TRES ANOS Á GALEGA
No relativo á idade media, os promedios son os seguintes: Alfoz, 55,95 anos; Burela, 43,61; Foz, 47,64; Lourenzá, 51,88; Mondoñedo, 53,29; O Valadouro, 51,68; Cervo, 50,27; Ourol 58,86; O Vicedo, 54,04; Viveiro, 46,76; Xove, 48,55; Barreiros, 52,31; A Pontenova, 55,42; Ribadeo, 47,29; Trabada, 55,85; e Riotorto, 56,35. Desta serie despréndese que o mariñao medio ten 50,75 anos, superando en 3,5 anos a cifra que deixa a análise da comunidade galega (47,24).
ÍNDICE DE ENVELLECEMENTO
Para a análise máis específica do proceso de envellecemento úsase o índice de
envellecemento, que calcula o número de persoas de 65 ou máis anos por cada
100 persoas menores de 20 anos. Dende o ano 1975 o seu continuo incremento
reflicte a velocidade do envellecemento da poboación de Galicia, superior no caso
das mulleres. Para o conxunto de Galicia situouse no ano 2019 en 158,15; isto
significa que, por cada 100 menores de 20 anos, contabilizáronse máis de 158
persoas maiores de 64 anos.
En Ourol, por cada cen persoas menores de 20 anos hai 609 maiores; en Riotorto, 498, mentres que en Alfoz, 487.
GALICIA SEGUE A PERDER PESO NO CONXUNTO DO ESTADO
A nivel galego, Galicia segue a perder peso a nivel poboacional no conxunto de España, como podes consultar nesta ligazón do Galicia Confidencial.