IniciosociedadeViveiro eximirá á veciñanza das taxas por servizos non prestados e Ribadeo...

Viveiro eximirá á veciñanza das taxas por servizos non prestados e Ribadeo indica como tratar os residuos

O Concello de Cervo pecha os paseos marítimos de San Cibrao para evitar aglomeracións

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro anunciou que suspende o período de pago voluntario do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e establecerá un nuevo prazo cando remate a actual situación de crise sanitaria por mor do coronavirus. A decisión foi consensuada entre todos os grupos políticos municipais.

Antes da declaración de situación de emerxencia sanitaria en Galicia e da declaración do estado de alarma en todo o territorio español, o Concello tiña acordada a aprobación do padrón do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, establecendo o seu período de pago voluntario dende o 1 de abril ao 1 de xuño.

“Tendo en conta que as medidas decretadas como consecuencia da evolución do Covid-19 teñen un impacto económico e social importante e precisan da adopción de medidas de flexibilidade para a protección familiar, social e empresarial, a alcaldía ven de decretar a suspensión do prazo antes referido”, remarca o executivo municipal.

PISCINA, GARDERÍA, CONSERVATORIO OU IVTM

O prazo para o pago do IVTM establecerase unha vez que remate a situación de crise sanitaria actual; nese momento o Concello establecerá un novo período, tamén por un prazo de dous meses, procurando que non coincida co pago doutros impostos municipais. Adoptouse esta medida, sinala o goberno viveirense, co fin de axudar a todas aquelas familias ou empresas que poidan estar a sufrir as consecuencias económicas desta situación.

O goberno municipal informa de que deu as indicacións oportunas a cada un dos departamentos municipais para que no momento da elaboración dos padróns dos servizos que implican o cobro de taxas, como pode ser a gardería, a piscina, o conservatorio ou o servizo de axuda no fogar (SAF) nos supostos nos que se deixou de prestar de xeito presencial, se teñan en conta os decretos de suspensión das distintas actividades aos efectos de liquidar nas mensualidades unicamente os importes correspondentes aos períodos non afectados pola suspensión.

REPARTO DE ALIMENTOS E PESCADA ENTRE 20 FAMILIAS

En Viveiro procedeuse ao reparto de alimentos a unhas 20 familias que se atopan en situación de vulnerabilidade, grazas á coordinación e colaboración de Cruz Vermella, Cáritas e Puerto de Celeiro, que doou pescada na cantidade que fose requerida, ademais de Servizos Sociais, Protección Civil e Policía Local. Estes repartos, expón o goberno local, “seguirán a realizarse nas próximas datas, previa valoración dende Servizos Sociais”.

CONCURSO DE DEBUXO

A concellería de Cultura viveirense propón aos escolares de primaria un concurso de debuxo para escoller a mascota da biblioteca municipal. Coa ilustración gañadora realizarase un peluche que, durante un ano, se convertirá na mascota da biblioteca municipal; o neno ou nena que gañe o certame recibirá un lote de material escolar, ademais dun abono para as actividades infantís do Teatro Pastor Díaz.

Ao longo desta semana publicaranse as bases deste concurso, prevéndose que os traballos poidan remitirse por correo electrónico a partir do vindeiro luns, 30 de marzo, e durante un período de 15 días.

Outra iniciativa posta en marcha vai dirixida a todos os nenos e nenas de Viveiro, para que ao longo da duración do estado de alarma poidan enviar ao correo electrónico do departamento de Cultura (rbg.cultura@viveiro.es) as súas fotografías ou arquivos con debuxos e mensaxes de ánimo en lingua galega, facendo constar o nome e apelidos do neno ou nena. A partir desta compilación realizaranse unha exposición e un vídeo.

INDICACIÓNS PARA O LIXO NAS VIVENDAS CON POSITIVOS

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, vén de asinar un bando con instrucións sobre a xestión de residuos nos fogares na situación da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19. Neste comunicado realízanse varias recomendacións.

No caso de haber doentes ou persoas en corentena pola epidemia, os residuos do paciente, incluído o material desbotable utilizado pola persoa enferma (luvas, panos, máscaras), débese eliminar nunha bolsa de plástico (bolsa 1) nun cubo de lixo disposto na habitación, preferiblemente con tapa e pedal de apertura, sen realizar ningunha separación para a reciclaxe. Este material debe pecharse adecuadamente noutro recipiente (bolsa 2), á beira da saída da habitación, onde ademais depositaranse as luvas e máscara utilizados polo coidador, e pecharase adecuadamente antes de saír da habitación.

A bolsa 2, cos residuos anteriores, depositarase co resto dos residuos domésticos na bolsa de lixo (bolsa 3) correspondente ao cubo de fracción resto. Inmediatamente despois realizarase unha completa hixiene de mans, con auga e xabón, polo menos 40-60 segundos. Finalmente, o lixo depositarase exclusivamente no contedor de fracción resto.

Nos fogares sen positivos ou corentena, a separación dos residuos realizarase como se vén facendo habitualmente, tratando de maximizar a devandita separación ao obxecto de reducir a fracción resto xerada. As fraccións separadas só se depositarán nos contedores correspondentes.

PASEAR AS MASCOTAS PRETO DOS DOMICILIOS

O Concello de Cervo procedeu ao peche total do paseo marítimo de San Cibrao e de todos os parques e zonas públicas do municipio,  para reforzar o cumprimento das medidas impostas nestes días, a fin de que a veciñanza saque ás súas mascotas o máis preto posible ao domicilio, e para que o traxecto aos establecementos de alimentación e ás farmacias sexa directo, co obxectivo de que non empreguen estes espazos públicos como zonas de esparexemento, durante o estado de alarma.

Paseo marítimo en San Cibrao. AXM

XOVE DESINFECTA A DIARIO A CONTORNA DOS COMERCIOS ABERTOS

O Concello de Xove expón que desde o día 18 de marzo, como medida preventiva, estanse realizando traballos de desinfección diario das beirarrúas no entorno de todos os locais que permanecen abertos (centro de saúde, farmacia, supermercados, pescadería, panadería, estanco e entidades bancarias).

O día 12 de marzo o executivo local pechou ao público tódolos servizos municipais que supoñían tránsito de persoas: escola infantil, piscina e ximnasio municipal, pavillón de deportes, campos de fútbol, ximnasia de mantemento, obradoiros de tempo libre, salón de actos, biblioteca, oficina de información xuvenil, escola de música, centro de maiores. Desde o 16, o resto do persoal municipal que quedaba en servizo permanece na casa. O Concello non realizará ningunha tarefa que non considere imprescindible mentres dure o estado de alarma.

Desinfección da beirarrúa ao pé do supermercado Eroski de Xove. AXM

O goberno local pide “a máxima colaboración e respeto ás indicacións da administración, dos profesionais sanitarios e das forzas de seguridade que están poñendo as súas vidas en risco para axudar aos demais”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...