O Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou a través dun comunicado de prensa que os hospitais comarcais da rede do Servizo Galego de Saúde (Sergas), en concreto os centros hospitalarios de Barbanza, Burela, Monforte e Valdeorras poñerán en marcha o sistema para realizar as probas do coronavirus aos pacientes desde os seus propios vehículos sen que teñan que baixarse deles.
En concreto, segundo a nota do Sergas, o Hospital Público da Mariña disporá “proximamente” deste servizo, ao igual ca o de Monforte. O centro hospitalario de Barbanza comezou este luns co operativo, que se iniciará o vindeiro martes no Barco de Valdeorras.
En declaracións a Cope de la Costa, a directora do centro hospitalario asegurou que o servizo implantarase “probablemente” este martes.
“O Sergas planifica a ampliación deste servizo en próximos días aos hospitais comarcais de Verín e Salnés en función da demanda”, expón a nota.
Este sistema só se lle realizará ás persoas que teñan prescripción facultativa e cita previa. O médico ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos e quedará rexistrada na historia clínica electrónica do paciente. Con esta medida trátase de complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que vén incrementando a súa demanda nos últimos días.
O novo sistema, coordinado e priorizado polo servizo de Medicina Preventiva dos hospitais, “permite axilizar tempos xa que posibilitan que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos equipos de protección individual (EPI) xa que mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI,os profesionais van utilizar un só equipo por quenda de traballo, sen necesidade de cambiarse con cada paciente”, explica o Sergas.
955 PROBAS
Por agora, o servizo só se instalara nas cidades: Vigo, Ourense, Lugo, Coruña, Pontevedra, Santiago e Ferrol. En total, segundo os datos da Xunta de Galicia, en todos os puntos de mostraxe dende o inicio desta medida a pasada semana realizáronse 955 probas a pacientes dende os seus vehículos.